A Deputación aproba preto de 759.000 euros en axudas para entidades sociais e cooperación
• Entre os asuntos da orde do día destaca a resolución do concurso para a concesión de subvencións a proxectos sociais por un importe próximo aos 255.000 euros que beneficiará a 58 entidades
Ourense, 5 de xullo de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, baixo a presidencia do vicepresidente Rosendo Fernández, aprobou hoxe a concesión de preto de 759.000 euros en axudas para entidades sociais e cooperación, tanto cos concellos como con asociacións e colectivos de diversos ámbitos. Entre os asuntos que figuraban na orde do día destaca a resolución do concurso público para a concesión de subvencións con destino a proxectos de servizos sociais, que cun importe próximo aos 255.000 euros beneficiará a 58 entidades para desenvolver, entre outras, iniciativas relacionadas coas persoas en situación de necesidade no medio rural, programas de emerxencia pola covid-19, atención á muller e a infancia, envellecemento, discapacidades físicas e psíquicas, apoio ao emprego, conciliación familiar ou migrantes
No ámbito de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de dez subvencións por un importe próximo a 358.000 euros, distribuídos do seguinte modo: 48.000 euros ao Concello de Castrelo de Miño para obras de mellora en vías municipais; 15.000 euros para o alugamento de vestiarios provisionais no campo de fútbol de Cortegada; e 20.000 euros para a mellora do firme na estrada Barro-Bugalleira, no Irixo. O Concello de Monterrei recibirá senllas achegas, unha por valor de 83.000 euros para cofinanciar as obras de reparación dos danos ocasionados polas riadas de 2019, e unha segunda de 40.000 euros para o Castelo de Monterrei. Tamén o Concello de Padrenda percibirá dúas axudas, a primeira de 19.000 euros para o acondicionamento de pistas municipais, e outra de 40.000 euros para traballos medioambientais. No ámbito supramunicipal, a Mancomunidade Turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro terá unha axuda de 15.000 euros para gastos de funcionamento, e a Mancomunidade voluntaria de municipios de Ourense disporá de 30.000 euros para o arranxo do punto limpo de Xunqueira de Espadanedo.
Polo que respecta á colaboración con entidades e colectivos, aprobáronse seis subvencións por importe de 146.000, dos cales 40.000 euros destináronse á Asociación de Empresarios Gandeiros e Agricultores da Limia para proxectos no presente ano; 12.000 euros á Asociación Traspediante Cultura para a décima edición do Festival Corpo a Terra; 8.000 euros para a asociación veciñal Gutier Menéndez, de Vilanova dos Infantes, para gastos de funcionamento e adquisición de carpas para eventos; 20.000 euros ao Centro de Deportes O Barco para financiar gastos da última tempada; e 48.000 euros á Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da comarca de Verín para o proxecto de ampliación e reforma do seu centro.
A orde do día incluíu ademais a fixación do prezo público en concepto de cota de inscrición para o campamento de formación musical e ocio "Music-Camp" 2021, que quedou establecido en 150 euros, así como tamén a modificación do plan de publicacións da Deputación para este ano, coa retirada da Guía sobre a Vía da Prata-Camiño Mozárabe e a inclusión dos libros de poemas Ribeirana do Sil e A Noite.