A Deputación colabora coa 63ª Feira do Viño do Ribeiro, referente enoturístico en Galicia
O vicepresidente segundo do goberno provincial e alcalde de Ribadavia, César Fernández puxo en valor que se trata da “feira máis antiga de Galicia, celebrada ininterrompidamente para poñer en valor o noso produto estrela: o viño do Ribeiro”
Este ano, ademais das actividades tradicionais que inclúen exhibicións, showcookings e catas, haberá unha feira de artesanía na Praza Maior e ofrecerase unha feira accesible ás persoas xordas
Ourense, 16 de abril de 2026.
A Deputación de Ourense colabora, un ano máis, coa 63ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, referente enoturístico en Galicia e “a máis antiga que se vén celebrando ininterrompidamente para poñer en valor o noso produto estrela: o viño do Ribeiro”, dixo o vicepresidente segundo do goberno provincial e alcalde de Ribadavia, César Fernández, na presentación deste evento hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, xunto coa presidenta da DO do Ribeiro, Concha Iglesias.
Este ano, ademais das actividades tradicionais que inclúe o programa como exhibicións, showcookings e catas, haberá unha feira de artesanía na Praza Maior da vila e farán que este evento sexa accesible ás persoas xordas, destacando así o “compromiso social” que quere adquirir este evento, dixo César Fernández.
En total participan 29 adegas e colleiteiros da Denominación de Orixe do Ribeiro que darán boa conta do “bo traballo” que están a facer por parte de todos os axentes que operan no mundo do viño. Neste sentido, César Fernández agradeceu o compromiso e labor que realizan a diario todas as persoas que traballan neste sector estratéxico para a economía da comarca porque lograron que “hoxe, o Ribeiro, esta a vivir momentos de éxito a todos os niveis”, así como á D.O. do Ribeiro por facer que ocupen “as cotas máis altas en calidade e en visibilidade a nivel nacional”, sinalou César Fernández.