A Deputación colabora coa asociación "Por eles-TEA" de apoio a nenos con autismo
- Manuel Baltar destaca o "marcado acento social" dos orzamentos da Deputación para 2019, con plans como "BenOurense" de servizos sociais, ou de Mocidade e Empregabilidade, "cuxo obxectivo é colaborar cos concellos no desenvolvemento de políticas sociais que potencien o seu labor no rural ourensán", afirma o presidente.
Ourense, 27 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou con Xosé Manuel Martínez, presidente da asociación "Por eles TEA Ourense" de apoio a nenos con autismo e ás súas familias, un convenio de colaboración para a cesión gratuíta de material mobiliario e deportivo para a dita asociación. O obxecto deste acordo é colaborar con este colectivo "no labor que desenvolve en favor dos nenos que padecen trastorno do espectro autista e de apoio ás súas familias, un traballo que a institución provincial recoñece e co cal queremos cooperar", dixo o presidente provincial. No acto de sinatura do convenio, Manuel Baltar estivo acompañado polo presidente de "Por eles-TEA Ourense" e polo tesoureiro da asociación, Pablo Domínguez.
A asociación "Por Eles TEA Ourense" é unha entidade sen ánimo de lucro formada por pais de nenos con trastorno do espectro autista, que ten como obxectivo a promoción do ben común das persoas con T.E.A. nos ámbitos educativo, recreativo, social, cultural laboral e de integración, así como de apoio ás familias.
"Orzamento social"
Este ámbito de cooperación da Deputación de Ourense vai na liña dos orzamentos da institución provincial para 2019 (82,7 millóns de euros), aprobados no pleno do pasado mes de setembro, sendo a primeira administración pública de España en aprobalos, os cales teñen un marcado acento social co Plan "BenOurense" de servizos sociais, ou os plans de Mocidade e Empregabilidade, "co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia no desenvolvemento de políticas sociais que potencien o seu labor no rural ourensán", afirma Manuel Baltar. Unhas contas nas que se contemplan, entre outras, liñas de axudas á natalidade (400.000 euros) e á xuventude (549.000 euros).
O presidente do goberno provincial defende un reforzamento na achega económica da Deputación ao programa de acción social en cooperación con los concellos, que pasa a 1,2 millóns de euros, nun exercicio, o de 2019, caracterizado pola "excelencia na xestión económica" da institución provincial, que acadará o vindeiro mes de maio a débeda cero, un obxectivo, segundo Baltar, "que fixáramos para o mandato 2015-2019 -que remata nas vindeiras eleccións locais- e que acadaremos dous ou tres meses antes do previsto", remarca o presidente da Deputación.