A Deputación colabora coa XXVII edición da Feira do Pemento de Oímbra

Compartir

Ourense, 29 de xullo de 2024.

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na presentación da XXVII edición da Feira do Pemento de Oímbra coa que colabora a Deputación de Ourense.

Este evento gastronómico, declarado de Interese Turístico de Galicia, celebrarase o vindeiro domingo, 4 de agosto, onde volverán a ser os protagonistas os pementos de Oímbra, que contan con Indicación Xeográfica Protexida.

A feira comezará ás 12.00 coa exposición de coches antigos e coa exposición de pratos de cociña que teñen o pemento como ingrediente principal. Posteriormente, publicarán un receitario con todas as propostas dos participantes. A esa mesma hora e ata as 16.00 horas, a festa estará amenizada pola charanga Fuego.

Ás 14.00 horas será a comida popular e ás 21.00 horas será o concerto de Luar na Lubre. Durante todo o día haberá stands diversos nos que se expoñerán pementos, maquinaria agrícola e produtos de artesanía.