A Deputación colabora na estrea de “O Proceso”, obra teatral que revisita o proceso xudicial contra Curros Enríquez en 1880

Compartir

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación desta peza, escrita e dirixida por Cándido Pazó e interpretada  por Malasombra Produccións, coa colaboración da Xunta, da Deputación, tal e como agradeceu o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga

O director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, definiu esta peza, que se estreará este venres 7 de febreiro ás 20.00 horas no Auditorio Ilduara, como “unha magnífica obra e moi necesaria”

O director de “O Proceso”, calificou este traballo como “unha propicia peza teatral simpática, amena e didáctica dunha figura clave que debe ser revisitada” e subraiou o esforzo “por retratar a fala ourensá” na escea

Ourense, 4 de febreiro de 2025.

O Auditorio Ilduara de Celanova acollerá este venres, 7 de febreiro, a estrea da obra “O Proceso”, de Malasombra Produccións, escrita e dirixida por Cándido Pazó. Esta peza teatral ten a súa razón de ser no proceso xudicial iniciado contra Manuel Curros Enríquez en 1880 logo da publicación de “Aires da miña terra” e do que finalmente foi absolto.

Na presentación desta peza, que tivo lugar esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, participou o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, quen definiu a esta peza como “unha magnífica obra e moi necesaria”; o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga, quen agradeceu a colaboración institucional da Deputación e da Xunta para este proxecto; Xoque Carvajal, actor que interpreta a Curros; e Cándido Pazó, autor e director da obra, á que cualificou de “propicia, simpática, amena e didáctica dunha fiigura clave que debe ser revisitada”, poñendo o aceno no esforzo do elenco en “retratar a fala ourensá”.