A Deputación concede máis de 380.000 euros en subvencións para cooperación cos concellos e asociacións veciñais e culturais
Ourense, 2 de novembro de 2021.- A xunta de goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 380.000 euros en axudas para cooperación cos concellos e asociacións veciñais e culturais.
En cooperación cos concellos, aprobouse unha subvención de 6.000 euros ao Concello da Bola como achega ao convenio para as pistas deportivas; Castro Caldelas recibirá unha axuda de 15.000 euros para arranxos no pavillón; e Cortegada contará con 48.000 euros para a rehabilitación dun edificio polivalente. Ademais, o Concello de Cualedro disporá dunha subvención de 75.000 euros para os traballos de conservación do BIC do Castro de Saceda; Oímbra contará cunha axuda de 48.000 euros para a humanización da rúa Cantarrá; Punxín acometerá o peche da área termal do Bañiño cunha achega de 7.110 euros; e San Cristovo de Cea recibirá 48.000 euros para o tratamento paisaxístico e axardinamento do espazo municipal para o fomento do emprendemento situado no polígono industrial.
Polo que respecta a cooperación con entidades, a xunta de goberno concedeu unha subvención de 48.000 euros á Asociación Castro de Santa Lucía de Freás, en Castrelo de Miño, para a primeira fase da sede do colectivo veciñal; 30.000 euros a favor da Asociación de Cociñeiros de Ourense para a realización de actividades; 48.000 euros á asociación cultural A Capela Escola Cantorum para a primeira fase da reconstrución do muro do campo da festa; e 11.280 euros ao colectivo cultural Liradavia con destino ás obras de reforma e acondicionamento de aulas do CEIP plurilingüe de Ribadavia, para o desenvolvemento da actividade docente da Escola de Música Mestre Veneroni.
Cómpre engadir que tamén se acordou a incorporación ao plan provincial de obras do proxecto de regularización semafórica no vial principal do polígono de San Cibrao das Viñas.