A Deputación de Ourense acolle unha Xornada de Divulgación sobre o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro
- A institución provincial amosa o seu compromiso a prol do recoñecemento oficial desta ruta
- Rosendo Fernández afirma que será un axente dinamizador socioeconómico dos concellos que atravesa
- A Asociación Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro destaca a importancia "histórica, económica e saudable" deste percorrido xacobeo
O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe unha Xornada de divulgación do Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro coa que se trata de dar un paso máis aló cara ó recoñecemento oficial desta ruta. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, foi o encargado de inaugurar esta xornada e fixo especial fincapé no exhaustivo traballo documental que ten realizado a Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, para descubrir a ruta que facían os peregrinos antigamente, e recalcou que "non se trata unicamente dunha ruta de peregrinaxe, senón que se trataba do camiño a través do cal o viño chegaba a Santiago de Compostela, e pode ser un axente dinamizador socioeconómico dos concellos que atravesa".
O Camiño Miñoto-Ribeiro pasa polos concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Beade, Cenlle, Leiro, Boborás e Beariz, e nel, aglutínanse os principais recursos endóxenos da provincia de Ourense: paisaxe, historia, termalismo e viño. Debido a súa importancia para a provincia de Ourense, a Deputación de Ourense, segundo palabras do seu asesor de Política Cultural, César Fernández, "pretende potenciar e acadar ese recoñecemento necesario e valioso do Camiño para a provincia de Ourense, de cara a súa proxección turística". A Deputación de Ourense, amosa así o seu compromiso ao recoñecemento oficial desta ruta.
Durante a xornada, membros da asociación aproveitaron para presentarlle aos alcaldes dos distintos concellos polos que transcorre o Camiño a súa páxina web, onde os usuarios interesados poderán atopar toda a información relevante que da ruta. Por outra banda, Lourdes Maceira, profesora da Universidade de Vigo de medicina preventiva, presentou o Camiño Miñoto-Ribeiro como un "camiño de curación", xa que na maioría dos concellos pódense atopar fontes primitivas de auga que teñen funcións curativas, e que xa existían moito antes da chegada dos balnearios.
Como curiosidade, destacan os estudosos que esta ruta foi unha alternativa de peregrinaxe para aos leprosos da época que estaban obrigados a evitar as rutas máis transcorridas, e agora a asociación aposta por converter esta ruta nun motor económico da provincia de Ourense.