A Deputación de Ourense acollerá a fase provincial do torneo "Debate Económico en Bacharelato" 2019

Compartir

  • Esta proba, con fase provincial e nacional, é a primeira vez que se celebra e ten como obxectivo desenvolver habilidades que axuden aos alumnos na súa vida formativa, laboral e social, afondando nunha maior capacitación para o ámbito económico-empresarial.

  • Manuel Baltar reuniuse hoxe no Pazo Provincial coa presidenta e o vicepresidente do Colexio de Economistas de Ourense para analizar o desenvolvemento deste torneo e, ademais, acordaron que ámbalas dúas entidades asinarán un convenio para a realización de actividades conxuntas en 2020.

Ourense, 4 de outubro de 2019.- A presidenta do Colexio de Economistas de Ourense, Carmen Sampayo, e o vicepresidente desta entidade, Julio Vila, reuníronse hoxe no Pazo Provincial con presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, logo de tomar posesión das súas responsabilidades ao fronte deste colexio profesional. Na reunión acordaron que a Deputación de Ourense cederá o salón de plenos para a celebración, o vindeiro 26 de outubro, da final provincial do "Debate Económico en Bacharelato" 2019, un torneo para alumnos de 1º e 2º de Bacharelato, primeiro destas características, que consta de fase provincial e nacional, e no que os estudantes deberán debater entorno da pregunta: "É a dixitalización clave para o crecemento económico e o emprego de futuras xeracións?".

O debate en Ourense celebrarase no salón de plenos, previo á final nacional en Madrid, no Banco de España, e será retransmitido en streaming, poñendo a Deputación de Ourense todos os medios necesarios para o desenvolvemento desta actividade, segundo confirmou o presidente Baltar. O torneo enmárcase no Plan de Educación Financeira 2018-2021 –ao que está adscrito o Consello Xeral de Economistas– e pretende favorecer o desenvolvemento de habilidades que axuden aos alumnos na súa vida formativa, laboral e social, afondando nunha maior capacitación para examinar criticamente temas relacionados coa realidade económico-empresarial.

Por outra banda, na reunión, Manuel Baltar e os directivos do Colexio de Economistas acordaron a sinatura dun convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para que no ano 2020 determinadas actividades que desenvolva este colexio profesional ou que poña en marcha a Deputación, se fagan de xeito coordinado, tendo en conta que ambos entes teñen o mesmo ámbito de actuación territorial, o provincial, e tamén considerando que a Deputación de Ourense está impulsando iniciativas coas que o Colexio de Economistas pode colaborar, como o Observatorio Económico Ourensán ou o Observatorio Internacional do Medio Rural. "Trátase, neste caso, de traballar polo territorio sobre a base do labor dos economistas, e contando con que nos axuden a interpretar parámetros económicos, moitos deles positivos nos últimos tempos", dixo o presidente Baltar, salientando o feito de que o mes de agosto "pechouse coa cifra máis alta de turistas e de pernoctacións na nosa provincia", destacou.