A Deputación de Ourense apoia aos traballadores de T-Solar nas súas reivindicacións de manter o proxecto empresarial
- Manuel Baltar reuniuse hoxe co comité de empresa e con representantes de UGT e CCOO e comprometeuse a realizar diante da Xunta as xestións necesarias para que "o impacto negativo do conflito sexa o menor posible".
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe co comité de empresa de T-Solar e representantes de UGT e CCOO para coñecer en detalle a situación pola que atravesa esta empresa, que se atopa en concurso de acreedores, e que ocupa a 170 traballadores. Diante da crítica situación económica actual T-Solar está a solicitar das administracións a súa colaboración na defensa dos postos de traballo, para evitar a súa destrución e velar polos intereses xerais da provincia de Ourense.
O presidente provincial amosoulles a súa solidariedade aos traballadores e comprometeuse a facer as xestións oportunas diante da Xunta de Galicia para que a resolución deste conflito "teña o menor impacto negativo posible sobre os traballadores", "porque se trata dunha situación moi dolorosa que afecta o emprego provincial, e se trata dun proxecto no que Deputación de Ourense xa se implicara no seu momento no inicio deste proxecto cunha achega de 100.000 euros nas anualidades 2008 e 2009, a través do Inorde, para que esta importante iniciativa se concretara e vise a luz, como así foi".
Manuel Baltar dixo que a Deputación de Ourense é coñecedora de que a Xunta de Galicia e o comité de empresa están a manter negociacións para achegar solucións ao conflito, e engadiu que "todo o que poidamos axudar e empuxar no camiño da solución máis favorable, o faremos, e se é posible garantir a continuidade deste proxecto empresarial, moito mellor".