A Deputación de Ourense apoia o plan de actuacións contra as cianobacterias en As Conchas

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o Concello de Muíños e o encoro das Conchas, onde tivo lugar a presentación do plan de actuacións e estudos en As Conchas sobre calidade da auga e vertidos, unha iniciativa que sinaladamente ten como finalidade combater e previr a aparición de cianobacterias nas augas do encoro. O acto, ao que asistiron o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e autoridades da comarca, estivo organizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Subdelegación do Goberno en Ourense, e desenvolveuse na zona recreativa de O Corgo.

Manuel Baltar amosou a súa satisfación polo feito de que "distintas administracións nos xuntemos hoxe
aquí para falar dun problema que nos afecta a todos sen excepción en canto que cidadáns desta provincia", e engadiu que se está a traballar con contundencia neste asunto "para solventar esta difícil problemática, especialmente dende o nomeamento do novo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Francisco Marín Muñoz".

Baltar destacou que coa axuda de expertos e das institucións poderemos previr e minorar este problema e
salvagardaremos a riqueza medioambiental", un labor ao que se suma a Deputación de Ourense "na liña de
asistencia en materia de inspección ambiental que temos posto en marcha e que imos potenciar, contando coa fundamental axuda dos concellos poñendo coto a prácticas agrogandeiras insostibles".

No eido preventivo, tamén o goberno provincial ponse a disposición dos agricultores e gandeiros da comarca colaborando no asesoramento para implantar as boas prácticas agrícolas e de explotación gandeira, a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro con sede en Xinzo de Limia, dixo Manuel Baltar, quen destacou no apartado das medidas paliativas que o laboratorio do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, en
colaboración co Centro Tecnolóxico da Auga de Galicia, ten abertas liñas de investigación que poden dar froitos nun futuro próximo, e de ser así poranse a disposición da Confederación para a súa avaliación. 

O presidente provincial subliñou que a todos "nos une un compromiso común: que o encoro das Conchas sexa de novo ese lago interior cheo de vida. Vida é a palabra. Esta lacra debe rematar, coa colaboración de todos. Con decisión e compromiso, con estudios, prevención e medidas e actuacións definitivas, contando neste intre, e é de agradecer, coa implicación máxima do goberno central como responsable da calidade e coidado das augas".