A Deputación de Ourense apoia a rehabilitación do poboado romano de Bande, no top ten turístico da provincia
- Manuel Baltar visitou o campamento, xunto ao arqueólogo Rodríguez Colmemero e membros da Fundación Aquae Querquennae Vía Nova, e afirmou que o goberno provincial seguirá colaborando cos investigadores para "potenciar esta singular xoia do noso patrimonio histórico".
- Ao carón do campamento, tivo lugar, no Centro de interpretación da Vía Nova Romana, a presentación dun novo número da revista Larouco, que analizan a antigüidade galaica e os guerreiros castrexos.
Ourense, 1 de decembro de 2016.- "O campamento romano de Portoquintela está no top ten turístico da provincia de Ourense, e a Deputación de Ourense seguirá colaborando na recuperación deste espazo que é unha xoia do noso patrimonio histórico, singular polas súas características". Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen visitou o complexo arqueolóxico de Aquis Querquennis acompañado do arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, do presidente da Fundación Aquae Querquennae Vía Nova, Luis Fernando Quiroga, de membros da dita fundación e do Grupo Arqueolóxico Larouco, e do alcalde de Bande, José Antonio Armada, e o presidente da CHMS, Francisco Marín.
Manuel Baltar destacou na súa visita ao campamento "a importancia que ten este enclave, non só no ámbito provincial e autonómico senón nacional, pois estamos a falar do campamento romano máis extensamente escavado de toda a Península e dun dos 10 lugares indispensables que todo visitante debe coñecer na provincia de Ourense, e do que temos que facer un polo atracción turística e científica como poucos hai na Península Ibérica".
Ao carón do campamento, tivo lugar posteriormente, no Centro de interpretación da Vía Nova Romana, a presentación dun novo número da revista Larouco, que analizan a antigüidade galaica e os guerreiros castrexos. Esta publicación, da que é director o propio Rodríguez Colmenero, comezou a editarse na década dos anos noventa. Os temas tratados na revista refiren temas de historia antiga de Galicia, arqueoloxía, epigrafía, aspectos inmateriais da civilización galaica e á defensa do patrimonio. A súa temática céntrase fundamentalmente no Complexo Arqueolóxico de Aquis Querquennis, o Lugo romano, o sector territorial portugués ata o río Douro e aspectos da área astur-leonesa.
Xunto coa revista tamén foron publicadas monografías de importante relevancia científica, acerca das escavacións arqueolóxicas do campamento romano de Aquis Querquennis. A singularidade deste xacemento radica en que se trata do campamento romano máis extensamente escavado de toda a Península, podendo compararse, tanto en interese científico como monumental, con moitos dos limes británico, renano e danubiano. O Complexo Arqueolóxico de Portoquintela comezou a ser escavado no ano 1975, contando con dous ámbitos no xacemento: o campamento romano e un núcleo urbano para mansión da Vía Nova, concretamente a de Aquis Querquennis, do Itinerario de Antonino.