A Deputación de Ourense aproba a oferta de emprego público de 2018: 24 prazas para funcionarios e persoal laboral fixo
Ourense, 22 de decembro de 2018.- A Deputación de Ourense vén de aprobar na mesa xeral de negociación do pasado 13 de decembro a oferta ordinaria de emprego público correspondente ao exercicio de 2018. Segundo publica hoxe o Boletín Oficial da Provincia (BOP), a oferta de emprego consta de 24 prazas para funcionarios e persoal laboral fixo, contemplando no caso de funcionarios de carreira: 3 prazas de acceso libre, 6 prazas de promoción interna vertical e 1 praza reservada para persoas con discapacidade, sendo os grupos profesionais A1, A2, C1 e C2, mentres que no cadro de persoal laboral ofértanse: 10 prazas de acceso libre, 5 prazas de promoción interna vertical e 1 praza reservada para persoas con discapacidade, con niveis de titulación de Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente C2 ou sen requisitos de titulación, dependendo da praza. As denominacións das prazas que se ofertan abranguen enxeñeiros, técnicos, xestores, auxiliares, capataces, operarios, condutores de maquinaria e axudantes de obras e servizos.
Jorge Pumar, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, considera que a institución provincial, "co obxectivo de prestar cada día un mellor servizo aos cidadáns e concellos da provincia non deixa pasar esta oportunidade e aproba esta oferta de emprego para consolidar e dotar de novos postos de empregados públicos á administración provincial".