A Deputación de Ourense aproba por unanimidade un acordo en defensa dos servizos do Hospital de Verín e reprobar ao portavoz do Grupo Socialista

Compartir

  • O pleno de hoxe da corporación provincial aprobou tamén o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación e do Inorde para 2020-2023; os programas BenOurense Persoal Técnico 2020 e o de Asistencia a Entidades Locais para a xestión de servizos municipais do ciclo da auga para o 2020, e a ordenanza fiscal das taxes do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia.

Ourense, 20 de decembro de 2019.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe por unanimidade, na sesión ordinaria correspondente ao mes de decembro, un acordo en defensa dos servizos do Hospital de Verín e a reprobación do portavoz do Grupo Socialista, Rafael Rodríguez Villarino. Neste documento acordaron "pedir á Consellería de Sanidade que manteña e mellore os servizos que se viñan prestando no Hospital Comarcal de Verín para garantir a calidade asistencial da veciñanza da zona, nomeadamente do servizo do paridoiro".

Así mesmo, nese acordo, tamén aprobou reprobar ao portavoz do Grupo Socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, "pola súa desprezable práctica política de manipulación, mentira e insulto que fai como representante do PSdeG-PSOE na corporación provincial e polo rédito político que está a procurar co tema do peche do paridoiro do Hospital Comarcal de Verín", segundo recolle o acordo.

O terceiro punto do acordo recolle: "Darlles traslado destes acordos á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade, á Dirección do Sergas, á Xerencia do CHUOU, aos profesionais médicos e sanitarios do Hospital de Comarcal de Verín e aos colexios profesionais de médicos e enfermería de Ourense, así como aos concellos, partidos políticos con representación municipal e axentes sociais e económicos das zonas afectadas".

Por outra banda, o pleno aprobou tamén o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación de Ourense e do Inorde para o período 2020-2023. Este instrumento de planificación das políticas públicas que teñan por obxecto o fomento de actividades de utilidade pública ou de interese social preséntase, como xa se fixo no mandato anterior, como un documento de planificación que abrangue os exercicios económicos 2020, 2021, 2022 e 2023. O Plan estrutúrase en sete liñas de accións iniciais: cooperación coas entidades locais, cultura, deporte, reto demográfico, benestar social, desenvolvemento económico e asociacionismo veciñal.

Asemade, aprobouse o programa BenOurense Persoal Técnico 2020; o Programa de Asistencia a Entidades Locais para a xestión de servizos municipais do ciclo da auga para o 2020, e a ordenanza fiscal reguladora das taxes do servizo intermunicipal delegado de recollida de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia.

No caso do Programa BenOurense Persoal Técnico 2020, esta iniciativa cínguese á programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Tamén están incluídas as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes.

As accións deste Programa divídense na asistencia económica para garantir o financiamento aos concellos e mancomunidades para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais, e por outra banda abrangue a asistencia técnica e xurídica en materia de servizos sociais. Este servizo prestarase de xeito prioritario ás entidades locais de menos de 5.000 habitantes e de alta dispersión.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

TOMA DE POSESIÓN DA DEPUTADA DO GRUPO SOCIALISTA ROSARIO RODRÍGUEZ DELGADO

Acordo:

Toma de posesión da deputada do Grupo Socialista Rosario Rodríguez Delgado.

PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE E DO INORDE PARA O PERÍODO 2020 - 2023

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente o Plan estratéxico de subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o período 2020-2023.

A vixente Ordenanza xeral de subvencións da Deputación Provincial de Ourense, cuxo texto consolidado aprobado definitivamente se publicou no BOP núm. 260 de data 12.11.2015 establece no seu Título III (artigos 12-14), baixo a rúbrica "do plan estratéxico de subvencións", a obriga desta Deputación de elaborar e aprobar un plan estratéxico de subvencións, como instrumento de planificación das políticas públicas que teñan por obxecto o fomento de actividades de utilidade pública ou interese social, co contido mínimo e réxime de tramitación, aprobación, seguimento e avaliación alí recollido.

Nesta Ordenanza provincial atópase unha regulación específica da planificación estratéxica das subvencións provinciais, contida no seu citado Título III, regulación que intenta adaptar ás peculiaridades da Administración provincial a regulación xeral contida con carácter xeral nos artigos 8 da Lei 38/2003 xeral de subvencións e 4 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, que carecen dun desenvolvemento regulamentario específico para as entidades locais.

Entre outros aspectos, o Título III da Ordenanza provincial recolle expresamente no seu artigo 12 o carácter preceptivo dos plans estratéxicos como requisito previo para a concesión de subvencións, carácter que viña recollido nos artigos citados da lexislación estatal e autonómica e que foi interpretado pola xurisprudencia do Tribunal Supremo, en sentenzas do 26 de xuño e 4 de decembro de 2012, do seguinte xeito "...dado o tenor dos apartados 1 e 3 do artigo 8 e da Disposición adicional 13ª da Lei 38/2003, o Plan Estratéxico ao que se refire ten carácter previo ao establecemento de calquera subvención, constituíndo un requisito esencial cuxo cumprimento esixe que sexa formalizado externamente e cun contido que o faga identificable como tal por reflectir alo menos aquelo ao que alude o apartado 1 dese artigo 8...".

En consecuencia, a aprobación dun plan estratéxico, co contido e obxectivos sinalados na ordenanza, resulta unha necesidade ineludible para posibilitar a concesión de subvencións nos vindeiros exercicios tanto por parte da Deputación como por parte do Inorde.

Como xa se fixo no mandato anterior (2015-2019), óptase por facer unha planificación a longo prazo, con perspectiva de toda a lexislatura e que abranga os exercicios económicos 2020, 2021, 2022 e 2023, cumpríndose en todo caso os prazos establecidos no artigo 12.2 da Ordenanza xeral de subvencións que establece un período de vixencia mínimo dun ano e máximo de catro.

Polo anterior, procedeuse á elaboración do presente Plan estratéxico de subvencións da Deputación Provincial e do Inorde para os exercicios 2020-2023, co contido mínimo previsto no artigo 12.3 da repetida Ordenanza xeral de subvencións desta Deputación, partíndose de que este se concibe, dada a súa natureza e configuración legal, como un instrumento programático. Non obstante, establécese un nivel mínimo de vinculación co plan establecendo unha específica obriga de motivación das desviacións que eventualmente se produzan respecto das súas previsións. Todo o anterior debera redundar nun maior control do gasto público, polo que o Plan estratéxico debe ser un instrumento que sirva para racionalizar o exercicio da acción de fomento, de tal maneira que se poida seguir mantendo esa acción á vez que, sobre criterios de eficacia, se rendibilicen os recursos que polas circunstancias poden verse limitados.

O Plan estrutúrase en 7 liñas de acción iniciais (1. Cooperación coas entidades locais, 2. Fomento da cultura, 3. Fomento do deporte, 4. Reto demográfico 5. Fomento do benestar social, 6. Fomento do desenvolvemento económico e 7. Fomento do asociacionismo veciñal), en coherencia coas competencias provinciais e coas previsións dos orzamentos xerais da Deputación Provincial para o exercicio 2020, xa aprobados, e co Plan Ourense 72-73 do grupo de goberno.

2º.- Someter o expediente a información pública durante o prazo de 20 días hábiles, de conformidade co establecido na Ordenanza xeral de subvencións, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

APROBACIÓN INICIAL DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO MUNICIPAL DE SUBMINISTRACIÓN DA AUGA POTABLE NO MUNICIPIO DOS BLANCOS

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente a Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo municipal de subministración de auga potable no municipio dos Blancos.

2º) Someter o presente expediente e o acordo de aprobación inicial ao trámite de información pública, por un prazo de trinta (30) días hábiles, mediante a inserción de anuncios no BOP de Ourense, na sede electrónica da Deputación en nun dos xornais de maior difusión da provincia, todo elo de conformidade co previsto no artigo 17 do Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais. Durante o dito prazo, as persoas interesadas poderán formular as reclamacións que consideren oportunas, as cales deberán ser resoltas polo pleno da corporación provincial, a través de acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se formulasen reclamacións en prazo, o acordo de aprobación inicial elevarase a definitivo, sen necesidade de acordo plenario expreso.

APROBACIÓN INICIAL DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS DOS SERVIZOS DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN DO CONCELLO DOS BLANCOS

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente a Ordenanza fiscal reguladora das taxas pola prestación dos servizos de saneamento e depuración de augas residuais no municipio dos Blancos.

2º) Someter o presente expediente e o acordo de aprobación inicial ao trámite de información pública, por un prazo de trinta (30) días hábiles, mediante a inserción de anuncios no BOP de Ourense, na sede electrónica da Deputación en nun dos xornais de maior difusión da provincia, de conformidade co previsto no artigo 17 do Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais. Durante o dito prazo, as persoas interesadas poderán formular as reclamacións que consideren oportunas, as cales deberán ser resoltas polo pleno da corporación provincial, a través de acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se formulasen reclamacións en prazo, o acordo de aprobación inicial elevarase a definitivo, sen necesidade de acordo plenario expreso.

APROBACIÓN INICIAL DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS PARA A XESTIÓN DELEGADA DO SERVIZO DE INSPECCIÓN DOS TRIBUTOS MUNICIPAIS NO EXERCICIO 2020 E SEGUINTES

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación cos concellos para a xestión delegada do servizo de inspección dos tributos municipais durante o exercicio 2020 e seguintes, conforme ás seguintes bases reguladoras:

Constitúe o obxecto destas bases a regulación dun plan de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia para a prestación pola Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada, do servizo de inspección dos tributos municipais.

Contido da delegación das competencias municipais de inspección tributaria na Deputación. Ámbito funcional, territorial e temporal. En virtude do presente plan de cooperación, os concellos que se adhiran ao mesmo, delegan na Deputación Provincial o exercicio das competencias de inspección de tributos, nos seguintes termos:

a) Ámbito funcional:

a.1) Os concellos adheridos delegarán na Deputación Provincial o exercicio de todas las funcións que integran a inspección tributaria, conforme coa lexislación vixente, para a totalidade dos tributos municipais, agás aqueles que expresamente se exceptúen polo concello no acordo de adhesión. Exceptúanse do ámbito da delegación as contribucións especiais e as taxas que se perciban pola prestación de servizos, nos supostos en que o pagamento das ditas taxas se realice con carácter previo á prestación dos servizos que orixina a súa devindicación.

a.2) Os concellos adheridos autorizan á Deputación Provincial a solicitar dos órganos competentes da Administración tributaria do Estado a delegación do exercicio da competencia de inspección do imposto de actividades económicas, ao abeiro do establecido no artigo 91.3 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, agás que expresamente indiquen o contrario.

b) Ámbito territorial:

As delegacións conferidas en virtude do presente plan de cooperación referiranse aos tributos devindicados nos termos municipais dos concellos delegantes. Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 7.4 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a Deputación Provincial poderá exercer tales facultades delegadas en toda a provincia, cinguíndose, en todo caso e exclusivamente, aos tributos delegados dos concellos adheridos.

c) Ámbito temporal:

As delegacións conferidas en virtude do presente plan de cooperación serán eficaces nos termos indicados na cláusula terceira, apartado segundo, das presentes bases.

Procedemento de adhesión ao plan de cooperación. 1. Para a adhesión ao plan de cooperación, os concellos interesados deberán presentar no Rexistro xeral electrónico da Deputación provincial ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o correspondente certificado do acordo de adhesión, conforme co modelo recollido no anexo I, mediante acordo adoptado polo Pleno municipal co quórum esixido no artigo 47.2.h) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

No acordo de adhesión, os concellos especificarán, se é o caso, os tributos cuxa inspección se exceptúa expresamente da delegación (entendéndose, no caso contrario, que se delega para todos os tributos a que se refire o presente plan). Igualmente, e de se – lo caos, poderán indicar se se opoñen a que a Deputación solicite da Administración tributaria do Estado a delegación da competencia de inspección do IAE.

2. Os acordos de adhesión ao presente plan de cooperación terán eficacia no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir da súa entrada no Rexistro Xeral da Deputación Provincial. A aceptación da delegación de competencias entenderase automaticamente concedida sempre que os acordos de adhesión se axusten ao establecido no plan. Nos supostos en que se advirta que o acordo de adhesión non se axuste ás condicións do plan, a Presidencia, dentro do indicado prazo de dez días hábiles, comunicará esta circunstancia aos concellos, co obxecto de que procedan a emendar as deficiencias advertidas. A adhesión ao plan non será eficaz ata que os concellos emenden as deficiencias advertidas.

3. Mediante resolución da Presidencia da Deputación, aprobarase a lista de adhesións ao plan de cooperación, a medida que estas se vaian producindo, ordenando a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, para os efectos previstos no artigo 7.2 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

MODIFICACIÓN DAS BASES PARA A ELABORACIÓN E EXECUCIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE 2020 (BOP N.º 254, DO 5 DE NOVEMBRO DE 2019)

Acordo:

1º.- Modificar a base 3ª, apartado 2º, das bases para elaboración e execución do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2020, que terá o seguinte contido:

2.- Prazo de presentación de solicitudes: As solicitudes deberán dirixírselle ao presidente da Deputación e deberán ter entrada no rexistro electrónico xeral da Deputación ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, antes de que remate o día 10 de xaneiro de 2020. Este prazo terá carácter improrrogable. A falta de formulación da solicitude en prazo dará lugar á perda do dereito á participación no Plan provincial.

2º.- Publicar este acordo no BOP, para xeral coñecemento.

PROGRAMA BENOURENSE PERSOAL TÉCNICO 2020

Acordo:

1.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do programa BenOurense Persoal Técnico 2020.

Obxecto e alcance do Programa:

Constitúe o obxecto do presente Programa Provincial de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica aos Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2020, denominado Programa BenOurense Persoal Técnico, o establecemento, de xeito integral e detallado, regulando os trámites para a súa total execución, das accións que lle corresponde desenvolver á Deputación Provincial de Ourense en virtude das competencias atribuídas polos artigos 109.1.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, 63 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e 31 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 148/2014, de 6 de novembro, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

En consecuencia, e ao abeiro dos preceptos citados, o obxecto do Programa cínguese á programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Para estes efectos, inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ao tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles.

APROBACIÓN INICIAL DO PROGRAMA DE ASISTENCIA A ENTIDADES LOCAIS PARA A XESTIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS DO CICLO DA AUGA PARA O EXERCICIO 2020

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente o Programa de Asistencia ás Entidades Locais para a Xestión dos Servizos Municipais do Ciclo da Auga para o exercicio 2020.

Constitúe o obxecto deste programa a regulación das condicións para a prestación ás entidades locais da provincia de Ourense da asistencia técnica, xurídica e administrativa para a xestión dos servizos municipais do ciclo da auga durante o exercicio 2020.

Este programa adóptase no exercicio da competencia provincial para prestarlles asistencia e cooperación aos concellos e demais entidades locais en materia de servizos municipais prevista no artigo 36.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, tendo en conta as competencias de xestión dos servizos públicos de abastecemento domiciliario de auga potable, evacuación e depuración de augas residuais da totalidade dos municipios da provincia.

2º) Someter a información pública, por prazo de dez días hábiles, o presente acordo de aprobación inicial, mediante anuncio na sede electrónica da Deputación Provincial e no Boletín Oficial da Provincia. As reclamacións ou alegacións que se formulen no dito prazo serán resoltas polo Pleno da Corporación. No caso de non formularse alegacións, o acordo de aprobación inicial entenderase automaticamente elevado a definitivo, procedéndose á súa publicación, sen prexuízo da súa inmediata entrada en vigor.

APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DELEGADO DE RECOLLIDA, TRATAMENTO E ELIMINACIÓN DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS E DOS PUNTOS LIMPOS DA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

1º) Estimar a alegación formulada polo Concello de Castrelo de Miño en relación coa aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora das taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia de Ourense.

2º) Aprobar definitivamente a dita modificación, conforme ao texto aprobado na sesión plenaria de 25 de outubro de 2019, coas seguintes adicións:

a) No artigo 1.1., engádese Castrelo de Miño ao ámbito de aplicación da ordenanza fiscal.

b) Na disposición derrogatoria, engádese ás ordenanzas fiscais que se derrogan a ordenanza fiscal reguladora das taxas do servizo municipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e puntos limpos do Concello de Castrelo de Miño, publicada no BOP nº 273 de 2 de decembro de 2011, así como a súa modificación publicada no BOP nº 286, de 15 de decembro de 2016.

3º) O presente acordo de aprobación definitiva queda condicionado a que non se presenten outras alegacións, reclamacións ou suxestións no período de exposición pública. No caso de que efectivamente se presenten, a aprobación definitiva carecerá de eficacia ata a resolución expresa desas alegacións, reclamacións ou suxestións nun pleno posterior.

4º) Ordenar a publicación do presente acordo, unha vez que adquira eficacia, e do texto íntegro da ordenanza coas modificacións aprobadas, no Boletín Oficial da Provincia, para a súa entrada en vigor conforme ao disposto no artigo 17.3 do Texto refundido da lei reguladora das facendas locais.

DEFENSA DOS SERVIZOS DO HOSPITAL DE VERÍN E A REPROBACIÓN DO PORTAVOZ DO GRUPO SOCIALISTA

Acordo:

1º.- Pedirlle á Consellería de Sanidade que dote, manteña e mellore os servizos que se viñan prestando no Hospital Comarcal de Verín para garantir a calidade asistencial da veciñanza no oriente ourensán, nomeadamente do servizo de paridoiro.

2º.- Reprobar ao portavoz do Grupo Provincial Socialista, don Rafael Rodríguez Villarino, pola súa desprezable práctica política de manipulación, mentira e insulto que ven de facer como representante do PSdeG-PSOE na Corporación Provincial, e nomeadamente polo rexeitable rédito político que está a procurar cun tema de tanta sensibilidade social como o peche do paridoiro do Hospital Comarcal de Verín.

3º.- Darlles traslado destes acordos á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade, á dirección do Sergas, á Xerencia do CHUOU, aos profesionais médicos e sanitarios do Hospital de Comarcal de Verín e aos colexios profesionais de médicos e enfermería de Ourense, así como aos concellos, partidos políticos con representación municipal e axentes sociais e económicos das zonas afectadas.

DEREITO A NACER, TRABALLAR E MORRER NA PROVINCIA DE OURENSE DIGNAMENTE

Acordo:

1.- Fortalecer o traballo do goberno provincial de Ourense nas redes de poderes locais intermedios de Europa e ante as institucións comunitarias, nas políticas de reto demográfico, para facer efectivo o papel protagonista das provincias como receptoras directas de axudas e xestoras das mesmas tralo intenso e frutífero traballo con Partenalia, a CEPLI e o Comité das Rexións.

2.- Aproveitar os fondos comunitarios conseguidos por esta provincia tralos proxectos aprobados para poñer en valor o noso territorio, mencionando algúns tan relevantes como o da provincia de Ourense como Destino Turístico Intelixente; o Plan "EmprendOU" e mesmo o Raia Termal.

3.- Seguir facendo da planificación, da transparencia e da xestión económica rigorosa os alicerces do goberno provincial e do Plan de mandato "Ourense 7273", un documento do que derivan actuacións como o Plan de axudas á natalidade, o plan de empregabilidade ou o plan de axudas á mocidade.

4.- Continuar coa estratexia de alianza coas organizacións empresariais de Ourense e de Galicia (Confederación Empresarial de Ourense, Círculo de Empresarios de Galicia, Asociación de Autónomos), acompañando a súa actividade, facendo especial fincapé na internacionalización, co claro obxectivo da creación de riqueza e de emprego.

5.- Potenciar o papel do Inorde e o seu papel clave de apoio aos sectores produtivos da provincia: agroalimentario, extractivo, termal, tecnolóxico, e/ou turístico.

6.- Consolidar a andaina iniciada coa Universidade de Vigo coa creación do Observatorio Internacional do Medio Rural, trala celebración do Congreso Internacional do Medio Rural, nunha provincia que coñece o papel clave do talento no seu desenvolvemento, validando fórmulas de éxito como o cooperativismo e o asociacionismo.

7.- Instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a tomar decisións políticas de discriminación positiva con Ourense, seguindo o exemplo da posta en marcha na nosa provincia, a instancias da Deputación, do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional.

8.- Urxir ao Goberno de España a rematar as obras de alta velocidade ferroviaria para que Ourense gañe en competitividade e conectividade.

9.- Urxir ao Goberno de España a que conte cun responsable do Reto Demográfico, nove meses despois do cese da anterior Comisionada, para implementar e coordinar políticas que afectan ao 80% do territorio nacional.

10.- Continuar deseñando proxectos e actuacións que aporten valor ao territorio e que sexan referente non só autonómico senón tamén nacional como o "Provincia Intelixente", impulsado pola Deputación xunto con ABANCA e multinacionais tecnolóxicas como Viewnext do Grupo IBM.

FINANCIAMENTO DOS CONSERVATORIOS MUNICIPAIS DA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

Instar ao Goberno Provincial a dirixirse á Xunta de Galicia para, en colaboración cos concellos, traballar nun modelo de financiamento dos conservatorios municipais que, atendendo a criterios técnicos e de calidade no ensino, permita outorgar unha maior estabilidade ao seu funcionamento.