A Deputación de Ourense aproba preto de 25 millóns de euros para obras, servizos sociais e prevención de incendios, na provincia en 2019
- Na sesión plenaria do mes de decembro, celebrada hoxe, aprobouse o Plan de cooperación ás obras e servizos municipais 2019; o Programa BenOurense de cooperación coas entidades locais da provincia para o servizo de axuda no fogar básico, e o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento.
- O plenario aprobou, asemade, a reprobación do presidente da Fegamp, Alfredo García.
Ourense, 21 de decembro de 2018.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de decembro, un orzamento de preto de 25 millóns de euros para obras e servizos sociais e de prevención de incendios e emerxencias na provincia, para 2019. Na sesión plenaria aprobouse o Plan de cooperación ás obras e servizos municipais 2019; o Programa BenOurense de cooperación coas entidades locais da provincia para o servizo de axuda no fogar básico, e o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento.
O Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2019, que terá un orzamento total de 6.864.250 euros. Deste montante económico, a institución provincial destina 4.246.500 euros para obras municipais, mentres que os concellos achegan un total de 925.750 euros. Así mesmo, a Deputación de Ourense destinará un orzamento de 192.000 euros para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, e 1.500.000 euros para a rede viaria provincial. En canto ao plan complementario, a Deputación destina 2.976.000 euros a obras municipais, para o cal os concellos achegan 82.750 euros, mentres que o orzamento da Deputación para a rede viaria provincial do Plan Complementario ascende e 9.296.713 euros.
Na sesión plenaria tamén se aprobou o programa BenOurense de cooperación económica coas entidades locais da provincia de menos de 20.000 habitantes que presten o Servizo de Axuda no Fogar Básico no exercicio 2019. Nesta iniciativa tamén están incluídas as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes. A Deputación de Ourense destina para este programa un orzamento que ascende aos 900.489 euros. As entidades interesadas en adherirse ao programa poderán presentar a solicitude no prazo máximo de quince días contando a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOP.
Asemade, outro dos asuntos aprobados na sesión plenaria de hoxe foi a reprobación do presidente da FEGAMP, Alfredo García, "pola utilización sectaria e partidista desta organización, á que pertence a Deputación de Ourense".
A totalidade dos acordos plenarios aprobados hoxe son os seguintes:
RPT DA DEPUTACIÓN DE OURENSE, EXERCICIO 2018
Acordo:
1º) Resolver as alegacións formuladas contra a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018 no sentido seguinte:
a) Non admitir a trámite a reclamación n.º 67, ao terse presentado fóra de prazo.
b) Desestimar integramente as reclamacións n.º 1, 2, 3, 4, 5, 7, 8, 11, 14, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28, 29, 30, 31, 33, 35, 36, 39, 40, 41, 42, 43, 44, 45, 46, 47, 48, 49, 51, 52, 53, 54, 56, 57, 63, 65, 66
c) Estimar parcialmente as reclamacións n.º 6, 9, 10, 12, 15, 16, 34, 50, 58, 64
d) Estimar integramente as reclamacións n.º 32, 37, 38, 55, 59, 60, 61, 62
A resolución das reclamacións fundaméntase nos motivos e se concretan nos termos que constan na proposta da Presidencia, uníndose o extracto correspondente desta proposta á notificación aos interesados, para os efectos da motivación da resolución.
2º) Aprobar definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018, conforme co documento aprobado inicialmente no Pleno de 29 de xuño de 2018, coas modificacións recollidas no apartado anterior, ordenando a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación Provincial, e a súa remisión á Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.
De conformidade co establecido no artigo 38.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, determínase a obriga de incorporar as previsións da RPT definitivamente aprobada, nos orzamentos da Deputación, incorporación que se realizará nos orzamentos para o exercicio 2019.
As determinacións da RPT que se indican a continuación, aplicaranse con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2018, ao existir nesa data os supostos de feito necesarios para a súa eficacia:
O incremento do 1,5% na contía do complemento específico en todos os postos, e ademais, con efectos do 1 de xullo de 2018, un incremento adicional do 0,25%.
A revisión o complemento específico dos postos de xefatura da Secretaría Particular da Presidencia e Protocolo, encargado do Parque de Maquinaria e xefatura do equipo de maquinaria e cooperación.
O incremento do complemento de destino dos axudantes de maquinaria.
Os efectos económicos da unificación dos postos de operario báscula portátil e aforos, laborantes, operario de báscula e acopios, e os de operario de sinais e laborante.
As modificacións dos complementos de destino e complemento específico derivadas da estimación parcial ou total das reclamacións formuladas no trámite de exposición pública.
3º) Aprobar definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018, conforme co documento aprobado inicialmente no Pleno de 29 de xuño de 2018, coas modificacións recollidas no apartado anterior, ordenando a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación Provincial, e a súa remisión á Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.
ORZAMENTO DO CONSORCIO PROVINCIAL DE OURENSE PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO PARA O EXERCICIO 2019
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento para o exercicio 2019, conforme co proxecto aprobado polo pleno do Consorcio o 4 de decembro de 2018, por importe de 4.302.000 €.
O dito orzamento intégrase no orzamento xeral da Deputación Provincial para todos os efectos.
2º.- Someter a exposición pública o orzamento inicialmente aprobado polo prazo de 15 días hábiles, mediante anuncio no BOP. Durante o dito prazo os interesados poderán presentar reclamacións ante o Pleno nos termos previstos no artigo 170 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. O orzamento do Consorcio considerarase definitivamente aprobado se durante o dito prazo non se presentan reclamacións; en caso contrario o Pleno da Deputación disporá dun prazo dun mes para resolvelas.
Unha vez definitivamente aprobado o orzamento do Consorcio inserirase, resumido por capítulos, no BOP, entrando en vigor no exercicio 2019.
ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO PROVINCIAL DE ASISTENCIA A ENTIDADES LOCAIS EN MATERIA DE REGA E BALDEO DE ESPAZOS PÚBLICOS LOCAIS
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente a Ordenanza reguladora do servizo provincial de asistencia a entidades locais en materia de rega e baldeo de espazos públicos locais, co seguinte contido:
Artigo 1.- Obxecto e definicións
1.- Constitúe o obxecto desta ordenanza a regulación do servizo público provincial de asistencia a entidades locais consistente na rega e baldeo de espazos públicos locais realizada mediante un vehículo cisterna manexado por un condutor.
2.- O servizo provincial de asistencia en materia de rega e baldeo é un servizo público de titularidade da Deputación Provincial de Ourense, creado no exercicio das competencias de cooperación cos concellos atribuídas ao goberno provincial polos artigos 36.1.b) da Lei de bases de réxime local e 109.1.b) da Lei de administración local de Galicia.
3.- O obxecto e finalidade do dito servizo público é a prestación do servizo de rega e baldeo dos espazos públicos locais, en réxime de dereito público e a prol das entidades locais da provincia de Ourense que exerzan a súa competencia de limpeza da vía pública, calquera que sexa o modo de xestión deste servizo.
4.- Considerase espazo público a efectos de limpeza viaria as avenidas, paseos, rúas, beirarrúas, zonas peonís, travesías, camiños, pontes, túneles e resto de bens de uso público municipal destinados directamente ao uso común xeral dos cidadáns, incluídas as zonas con servidume de uso público. Tamén se inclúen as zonas e espazos públicos onde teñan lugar as distintas festas e acontecementos populares e as afectadas por mercados, feiras recreativas e tradicionais debidamente pavimentadas e cuxa limpeza sexa susceptible de realizarse con auga a presión.
Logo da solicitude previa específica do ente local, debidamente xustificada por razóns de interese público, poderán ser obxecto de limpeza outros espazos.
Artigo 2.- Contido do servizo provincial de asistencia en materia de rega e baldeo de espazos públicos.
1.- O servizo provincial de asistencia a entidades locais en materia de rega e baldeo de espazos públicos comprende a realización da prestación de baldeo dos ditos espazos mediante un vehículo cisterna manexado por un condutor, tanto con carácter ordinario como extraordinario con motivo de festexos, celebracións, probas deportivas ou calquera outro tipo de acto análogo.
2.- Non se inclúe no servizo a disposición dos hidrantes, o consumo da auga e a retirada e traslado a xestor autorizado dos residuos, que deberá realizar a entidade local interesada inmediatamente despois da súa extracción. A entidade local deberá dispor dos medios materias e humanos necesarios para estas tarefas, e coordinalos co servizo da Deputación.
Artigo 3.- Acceso ao servizo: prazos de solicitude e procedemento
1.- Para acceder ao servizo, a entidade local interesada deberá presentar unha solicitude previa dirixida á Presidencia da Deputación, a través do rexistro electrónico dispoñible na sede electrónica da Deputación Provincial (www.sede.depourense.es), na que se indicara o tipo de servizo solicitado e localizacións, segundo o Anexo I.
2.- Deberá solicitarse, como mínimo, cunha antelación de vinte días hábiles a data na que se interese a actuación. Por razóns organizativas non se atenderan aquelas peticións cun intervalo menor, agás situacións de emerxencia ou urxencia debidamente xustificadas, imposibles de prever con dita antelación.
3.- O procedemento resolverase mediante resolución da Presidencia que será debidamente notificada a entidade local a través de medios electrónicos. No suposto en que só se poida atender a un número inferior ao de solicitudes existentes, as entidades locais beneficiarias determinaranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada no Rexistro Xeral Electrónico da Deputación.
Artigo 4.- Prezos públicos. Contía e modo de pago
1.- O prezo público establécese en 175,00 €/día (mais o IVE vixente en cada momento). No suposto de que o servizo se preste durante mais dun día consecutivo, o segundo día e seguintes facturaranse por xornada completa ou fraccións de media xornada.
2.- Será requisito necesario para a prestación do servizo o depósito previo do importe total do prezo público liquidado na conta corrente de titularidade provincial que se indique na resolución da Presidencia á que se refire o artigo 3.3 esta ordenanza, cunha antelación mínima de cinco días naturais á data prevista para o inicio da acción. No suposto en que a entidade local interesada non realice o ingreso nese prazo, entenderase que desiste da súa petición, cancelándose automaticamente a prestación do servizo.
Non obstante o anterior, quedan exceptuadas da obriga de depósito previo do prezo público as entidades locais que teñan delegada na Deputación Provincial a recadación dalgún dos seus tributos. Nestes casos, a Deputación procederá á retención das cantidades correspondentes da recadación líquida dos tributos municipais, entendéndose que a solicitude do servizo implica a conformidade para a realización da dita retención.
2º.- Someter o expediente e a ordenanza a información pública e audiencia dos interesados polo prazo de 30 días hábiles contados dende a publicación de anuncio no BOP, realizándose tamén a pertinente publicación no Portal de Transparencia da Deputación Provincial de Ourense.
Durante o expresado prazo poderanse presentar as reclamacións e suxestións que se estime oportunas, que serán resoltas pola Corporación Provincial, coa aprobación definitiva, se é o caso. De non presentarse reclamacións ou suxestións entenderase elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial adoptado.
ACEPTACIÓN DA DELEGACIÓN DE COMPETENCIA FORMULADA POLO CONCELLO DE BEARIZ PARA A TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE EXPROPIATORIO PARA A EXECUCIÓN DA OBRA "CONSTRUCIÓN DE CEMITERIO MUNICIPAL"
Acordo:
1º.- Aceptar a delegación de competencia formulada polo Concello de Beariz para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra "construción de cemiterio municipal".
2º.- Comunicarlle ao Concello de Beariz que deberá asumir os custos do pago dos importes do prezo xusto dos bens e dereitos afectados polo expediente expropiatorio.
PROGRAMA BENOURENSE DE COOPERACIÓN ECONÓMICA COAS ENTIDADES LOCAIS DA PROVINCIA PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR BÁSICO NO EXERCICIO 2019
Acordo:
1º) Aprobar inicialmente o Programa BenOurense de Cooperación Económica coas Entidades Locais da Provincia para o Servizo de Axuda no Fogar Básico no exercicio 2019, conforme coas seguintes bases reguladoras:
O Programa BenOurense SAF básico regula a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás entidades locais da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico (SAF básico). Inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ao tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles.
O presente programa establécese no exercicio das competencias atribuídas á Deputación polos artigos 36.1.b) da Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases do réxime local, 109.1.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, 63 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e 31 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 148/2014, de 6 de novembro, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.
Para a concesión destas axudas reservase un crédito, dentro da partida orzamentaria 23111 46200 de novecentos mil catrocentos oitenta e nove euros (900.489€).
Tendo en conta o disposto no artigo 31.3 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 148/2014, de 6 de novembro, a Deputación subvencionará, a través deste programa, ás entidades locais da provincia de Ourense, de menos de 20.000 habitantes, que presten o SAF básico, tanto nos supostos de xestión directa como de xestión indirecta do servizo.
Considérase SAF básico para os efectos deste programa aquel cuxas persoas usuarias accedan ao servizo en réxime de libre concorrencia. Considerarase tamén como persoas usuarias en réxime de libre concorrencia ás persoas que teñan recoñecido o estatuto de persoas dependentes no marco la Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoa e Atención ás persoas en situación de dependencia, en tanto o seu programa de atención individualizada (P.I.A), non goce de efectividade.
Contía da subvención.
1. O importe da subvención por entidade local determínase da forma seguinte:
a) Tramo fixo: asígnase un primeiro tramo fixo según o grado no que esté clasificado o concello adherido. Os concellos aparecen clasificados por graos no anexo II.
b) Tramo variable: para o cálculo deste tramo aplicarase a ratio de cobertura por habitante recollido no anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 148/2014, de 6 de novembro, asignándose un importe por unidade de convivencia resultante de dividi-lo crédito orzamentario dispoñible – logo de restarlle o importe total destinado ó tramo fixo-, entre o número de unidades existentes, conforme co seguinte:
b.1) Concellos de áreas caracterizadas como semiurbanas:
- De 10.000 a 20.000 habitantes: 1 unidade de convivencia atendida por cada 400 habitantes.
- Menos de 10.000 habitantes: 1 unidade de convivencia atendida por cada 350 habitantes.
b.2) Concellos de áreas caracterizadas como áreas rurais:
- De 12.000 a 20.000: 1 unidade de convivencia atendida por cada 250 habitantes.
- Menos de 12.000: 1 unidade de convivencia atendida por cada 175 habitantes.
-b.3) Concellos de áreas rurais de alta dispersión: 1 unidade de convivencia por cada 75 habitantes.
Nos supostos en que o SAF básico sexa prestado por mancomunidades, a contía será o resultado de suma - las cantidades correspondentes dos distintos concellos que a integran.
O cadro de distribución inicial das subvencións por entidades beneficiarias, cos importes correspondentes conforme coas regras precedentes, figura como anexo III do presente Programa.
2. A contía máxima inicial prevista por entidade local - que aparece recollida no anexo III deste programa-, queda condicionada a que esta contía non supere o custo neto do SAF básico para a entidade local calculado conforme as regras seguintes:
a) Xestión directa do servizo:
O custo total do SAF estará determinado pola suma dos seguintes custos:
- O custo total do persoal auxiliar de axuda no fogar (básico e dependencia).
- O custo dos desprazamentos do persoal de axuda no fogar (básico e dependencia).
- O 10 % da suma dos importes anteriores, en concepto de gastos xerais.
A partir do custo do SAF total determinarase o custo bruto do SAF básico multiplicando o custo do SAF total (básica e dependencia), polo número de horas de servizos prestados de SAF básico, e dividindo o resultado entre o número de horas de servizos prestados do SAF total.
Obtido o custo bruto do SAF básico, o seu custo neto será a diferenza entre o custo bruto e os ingresos liquidados pola entidade local (ou entidade que xestione o servizo por conta da entidade local) en concepto de taxas ou prezos públicos pola súa prestación.
b) Xestión indirecta do servizo: o custo neto do SAF básico determinarase multiplicando o número de horas de servizo prestadas pola empresa adxudicataria polo prezo unitario por hora establecido no contrato administrativo correspondente. No caso de que o contrato administrativo non estableza ese prezo unitario, este será determinado pola Deputación Provincial coa información subministrada pola entidade local interesada.
A determinación do custo neto do SAF básico realizarase unicamente a través da xeración automática da certificación a través da plataforma informática, sendo a contía reflectida na certificación o gasto efectivamente xustificado para os efectos deste programa.
Procedemento de adhesión dos concellos e mancomunidades.
Ao abeiro do establecido na Lei 39/2015 de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, no artigo 14.2, a presentación de solicitudes tramitarase exclusivamente mediante o uso de medios electrónicos, sendo obrigatoria a presentación de solicitudes conforme co previsto nesta base.
Os concellos e mancomunidades interesados en participar no Programa deberán comunicarlle a súa adhesión á Deputación Provincial, mediante resolución da Alcaldía (ou órgano delegado, se é o caso), na que se manifeste expresamente a asunción das obrigas e compromisos previstos no Programa, para o que deberán utilizar obrigatoriamente os modelos facilitados pola Deputación e que deberán ser descargados na aplicación informática http://benourense.depourense.es .
A comunicación da adhesión asinarase dixitalmente polo/a alcalde/alcaldesa, presidente/a ou secretario/a da entidade local e remitirase telematicamente a través da plataforma no prazo máximo de quince días hábiles contados dende o día seguinte ó de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Non se admitirá ningunha solicitude de adhesión formulada en data posterior.
A Deputación Provincial poderá conceder un prazo de ata 10 días hábiles para a corrección de deficiencias nas solicitudes de adhesión.
A presentación da solicitude telemática en tempo e forma determinará a adhesión da entidade local ao Programa, sen necesidade de máis trámites. Sen prexuízo do anterior, e para os efectos de publicidade, as subvencións concedidas e os seus importes declararanse expresamente mediante resolución da Presidencia que será obxecto de publicación no BOP. Nesta mesma resolución da Presidencia denegarase a adhesión a aquelas entidades cuxa solicitude non se axuste ao establecido no presente Programa ou no modelo de adhesión.
A adhesión das entidades locais beneficiarias constitúe un requisito de efectividade do Programa, polo que as entidades locais que non se adhiran no prazo sinalado no parágrafo anterior se entenderá que renuncian a participar no Programa, causando baixa automática nas súas previsións. Neste suposto, os remanentes de co -financiamento non utilizados incrementarán de forma lineal o importe total asignado ós concellos clasificados en grao III, de forma que a contía total do remanente dividirase entre o número de concellos de grao III e a contía resultante será na que se incremente a contía xa recollida para cada un destes concellos no anexo III destas bases.
Coa adhesión, os concellos e mancomunidades manifestarán expresamente a asunción das obrigas previstas neste programa e, de forma específica, a aceptación das normas de uso da plataforma informática http://benourense.depourense.es no programa de SAF básico.
2º) Someter o programa inicialmente aprobado ao trámite de información pública por prazo de dez días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación Provincial de Ourense. Durante o dito prazo, as persoas ou entidades interesadas poderán formular as alegacións, reclamacións ou suxestións que estimen oportunas, que deberán ser obxecto de resolución expresa polo Pleno da Deputación. En caso de no formularse alegacións en prazo, se entendera automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.
REPROBACIÓN DO PRESIDENTE DA FEGAMP, ALFREDO GARCÍA
Acordo:
1º.- Reprobar a don Alfredo Laudelino García Rodríguez pola utilización sectaria e partidista da FEGAMP, organización á que pertence esta Deputación.
2º.- Darlles conta deste acordo aos concellos da provincia de Ourense, aos membros do Consello Federal, Comisión Executiva e Xunta de Portavoces da FEGAMP, ao presidente da Xunta de Galicia e ao presidente do Parlamento de Galicia.
SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA NA PROVINCIA DE OURENSE
Acordo:
- Instar á Consellería de Sanidade a desenvolver un novo modelo de Atención Primaria (A.P.), coa máxima representación de tódolos sectores profesionais implicados, que dea resposta aos retos de envellecemento profesional e da falla de profesionais especialistas, aos que se enfronta o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
- Que a Consellería de Sanidade avance cara un modelo máis proactivo, no que o profesional de referencia de cada paciente dispoña dos medios necesarios, incluídos para monitorizar aos pacientes crónicos desde o seu domicilio.
PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2019
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2019 (Plan Base), co detalle que figura na relación de obras para o efecto redactada, co seguinte resumo:
|
PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN E ESTRADAS |
|||
|
|
DEPUTACIÓN |
CONCELLOS |
TOTAL |
|
1.- Obras municipais |
4.246.500,00 € |
925.750,02 € |
5.172.250,02 € |
|
2.- Réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta |
192.000,00 € |
|
192.000,00 € |
|
2.- Rede Viaria Deputación |
1.500.000,00 € |
|
1.500.000,00 € |
|
TOTAL |
5.938.500,00 € |
925.750,02 € |
6.864.250,02 € |
|
PLAN COMPLEMENTARIO |
|||
|
|
DEPUTACIÓN |
CONCELLOS |
TOTAL |
|
Obras municipais |
2.976.000,00 € |
82.750,00 € |
3.058.750,00 € |
|
Rede Viaria Deputación |
9.396.713,53 € |
|
9.396.713,53 € |
2ª.- Darlle un prazo, adicional, ata o 28 de decembro de 2018, ós concellos que non presentaron as solicitudes de obras dentro do prazo establecidos a estes efectos, co fin de que poidan achegar a súas solicitudes.
3º.- Someter o Plan a información pública mediante anuncio no BOP, para que se poidan formular alegacións ou reclamacións durante o prazo de 10 días. Se se presentan alegacións ou reclamacións o Plan debe ser sometido novamente a Corporación Provincial, para o acordo de aprobación definitiva.
No caso de que non se presenten alegacións ou reclamacións, o Plan entenderase definitivamente aprobado, sen necesidade de novo acordo.