A Deputación de Ourense axudará aos concellos con graves problemas financeiros cos fondos do Plan Provincial de Obras e Servizos 2013
- Os concellos poderán solicitar o importe da achega provincial ás obras municipais (30.975 euros) para amortización de operacións de crédito ou financiar gasto corrente.
- A Deputación prevé destinar ao Plan Provincial 2013 máis de 4 millóns de euros para investimentos na rede viaria provincial e en obras de competencia municipal.
- O investimento total por cada concello será de 41.000 euros, dos cales a Deputación asumirá o 75% e o concello o 25%. Nas obras da rede viaria provincial a Deputación asumirá o 100%.
O pleno da Deputación de Ourense deste mes de febreiro debaterá para a súa aprobación as bases para a elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2013, un plan que prevé un investimento de máis de 4 millóns de euros por parte da Deputación de Ourense, destinados á mellora e conservación da rede viaria provincial, de titularidade da Deputación, e a obras de competencia municipal, preferentemente as necesarias para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios.
A principal novidade –unha iniciativa pioneira que pon en marcha a Deputación de Ourense- é a axuda que a institución provincial ofrece aos concellos en situación de insuficiencia financeira cos fondos do Plan Provincial de Obras e Servizos 2013, segundo a cal os concellos poderán solicitar o importe da achega provincial ás obras municipais (30.975 euros) para amortización de operacións de crédito concertadas en exercicios anteriores ou para o financiamento do gasto corrente do concello correspondente á prestación de servizos mínimos obrigatorios. Quedan excluídos destes gastos as retribucións, dietas e asistencias de cargos representativos ou de designación política, ou os servizos que se atopen total ou parcialmente financiados con achegas da Deputación de Ourense diferentes ás previstas nas presentes bases.
Este será un dos puntos que se tratarán na comisión informativa de Plans, Vías e Obras e Cooperación da institución provincial que se reunirá o vindeiro xoves. No que atinxe ás obras municipais, o Plan Provincial contempla un orzamento mínimo para cada obra de 30.000 euros, asumindo a Deputación de Ourense o 75% do custe (en total para todas as obras: 2.818.725 euros) e os concellos o 25% (en total: 939.575 euros), mentres que no referido ás obras da rede viaria provincial, a Deputación asume o 100% do custe (1.200.000 euros).
O investimento total en obra municipal para cada concello será de 41.300 euros, sendo a achega da Deputación de 30.975 euros (75%) e a achega do concello de 10.325 euros (25%). Poderán incluírse investimentos de contía superior a 41.300 euros, correspondentes á mesma obra subvencionada ou a outras obras, sempre e cando o concello achegue o financiamento complementario preciso. Unha vez aprobadas as bases polo pleno da Deputación de Ourense, o prazo de presentación de solicitudes será ata o 20 de marzo de 2013.
Medio Ambiente
Por outra banda, na comisión informativa de Agricultura e Medio Ambiente do vindeiro xoves analizarase a proposta da Presidencia referida ao Convenio marco de cooperación coas entidades locais da provincia para a prestación de asistencia técnica para a limpeza, baleirado e xestión de lodos de fosas sépticas de titularidade pública local durante os anos 2013 e seguintes.
No ámbito deste convenio, os servizos que prestará a Deputación de Ourense aos concellos refírense á programación do mantemento das foxas sépticas; retirada dos lodos das fosas sépticas; transporte dos lodos a algunha das instalacións de que dispoña a Deputación para a súa xestión, e o tratamento nas ditas instalacións. Finalmente, o convenio contempla a redacción dun informe anual para que os concellos ou entidades locais interesadas poidan acreditar o cumprimento das súas obrigas nesta materia ante o organismo de conca.
O servizo será prestado pola Deputación de Ourense mediante medios propios ou a través da entidade Aquaourense, Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente, na súa condición de concesionaria do servizo provincial de asistencia e cooperación con entidades locais en materia de servizos relacionados co ciclo hidráulico e medio ambiente.