A Deputación de Ourense celebra os días da Árbore e da Auga plantando carballos en 86 centros de Primaria da provincia
- Manuel Baltar participou hoxe no acto celebrado no colexio público da Merca, co que remataron as actividades da "2ª Semana Escolar da Árbore e da Auga" organizadas polo goberno provincial, e na que participaron máis de 8.900 alumnos e alumnas.
Ourense, 18 de marzo de 2016.- A Deputación de Ourense celebrou hoxe os días mundiais da Árbore e da Auga, que se conmemoran os vindeiros 21 e 22 de marzo, plantando carballos en 86 centros públicos de educación Primaria da provincia de Ourense, que foron os colexios que este ano participaron nas actividades de concienciación medioambiental organizadas polo goberno provincial no marco da "2ª Semana Escolar da Árbore e da Auga".
Máis de 8.900 alumnas e alumnos dos diferentes centros educativos da provincia desenvolveron ao longo desta semana diferentes eventos literarios, culturais, educativos e medioambientais ao redor da figura dos bosques, as árbores e a auga. O remate destas actividades tivo lugar esta mañá coa plantación de 86 carballos en colexios da provincia de Ourense, árbores que foron bautizados cun nome cada un deles.
No caso do CEIP da Merca, ata o que se desprazou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para participar nos actos, o carballo que plantaron os estudantes recibiu o nome de "Francisco". Alí, xunto ao director do centro, Emilio Cañedo Seoane; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e o escritor Xosé Antonio Perozo, autor do libro entregado este ano aos colexios, Dona Pinga e do Carballo fan amizade, Manuel Baltar destacou a importancia "desta aposta da Deputación de Ourense pola formación e a concienciación medioambiental dos máis novos", subliñando "a magnífica resposta e colaboración de profesores e alumnos, porque esta é unha excelente oportunidade para que as xeracións máis novas de ourensás e ourensáns se auto-identifiquen coa provincia e co medio ambiente, o que supón unha obriga par todo ser humano".
Manuel Baltar destacou a gran acollida desta actividade "coa inscrición de 8.907 alumnos e alumnas e o seu profesorado, quen participaron nesta "2ª Semana Escola da Árbore e da Auga" en toda a provincia de Ourense, "un evento que ten moito que ver co afán do goberno provincial pola divulgación da preservación do noso medio ambiente entre os ourensáns do futuro, e directamente vencellado coa concienciación medioambiental", destacou o presidente da Deputación de Ourense.
Este ano, un total de 740 docentes realizaron actividades co seu alumnado e editouse unha Guía do Profesorado para que os docentes tratasen durante esta semana temas de preservación e concienciación medioambiental co seu alumnado.
O libro-manual que a Deputación de Ourense editou, Dona Pinga e don Carballo fan amizade, é unha historia de ficción na que os protagonistas son unha pinga, unha landra e un carballo. No texto descríbese un percorrido polos ciclos da auga e das árbores, facendo fincapé no ciclo da vida, nos espazos naturais, nas augas e na biodiversidade da nosa provincia.