A Deputación de Ourense colabora coa Feira do Cooperativismo, que achega ao público produtos e servizos con valores sociais
- Manuel Baltar destacou "a alianza que o goberno provincial e a CEO desenvolven en proxectos que fomentan a competitividade", e agradeceu a expositores e emprendedores as súas ideas "convertidas en iniciativas empresariais que crean valor e emprego".
Ourense, 20 de setembro de 2019.- O centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolle hoxe a Feira do Cooperativismo, unha iniciativa que desenvolve a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e coa que colabora o goberno provincial, que achega ao público ourensán produtos e servizos con valores sociais.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou no acto de inauguración a importancia do cooperativismo, "do que en Ourense temos excelentes exemplos" –entre os que citou a Coren-, e considerou un valor moi destacado "a cooperación en iniciativas que buscan crear riqueza e emprego, e alianzas, plans e programas entre os ámbitos público e privado, como os que vén desenvolvendo a Deputación, e que nos orzamentos de 2020, que aprobaremos o vindeiro venres, son un reflexo claro desa aposta pola cooperación".
O presidente do goberno provincial agradeceu á presidenta da CEO e á súa xunta directiva "que sigamos indo da man na colaboración e que Ourense siga a ser un exemplo de cooperativismo, como este evento que hoxe celebramos aquí no centro cultural "Marcos Valcárcel", con experiencias emprendedoras de éxito, das que tamén poden xurdir alianzas de colaboración".
Baltar apuntou a sectores que na provincia de Ourense están chamados a ter un importante protagonismo no ámbito económico e do cooperativismo, entre os que citou os servizos sociais, o termalismo, o medio ambiente e os servizos turísticos, "dado o potencial que temos, a chegada, en meses, da alta velocidade, e toda a riqueza natural, patrimonial, histórica e gastronómica que posúe a nosa provincia. E a administración ten que estar acompañando de maneira proactiva as iniciativas razoables, igual que cooperamos coa CEO con programas como o ExportOU ou a Oficina de Atracción de Investimentos e outros proxectos que forman parte da orde do día das reunións que mantemos periodicamente Deputación de Ourense e CEO".
Baltar visitou os diferentes stands dos expositores e emprendedores que participan na feira, aos que agradeceu as súas ideas convertidas en iniciativas empresariais, "porque sen eles non sería posible poñer en marcha accións deste tipo. Co seu impulso para levar a cabo proxectos que crean valor, emprego e competitividade é posible avanzar, e o goberno provincial estará aí para seguir apoiando o crecemento da nosa provincia".
Pola súa banda, a presidenta da CEO, Marisol Novoa, destacou que esta é unha oportunidade excepcional para que os emprendedores testen os seus produtos e servizos, e tamén unha plataforma para darse a coñecer e conseguir así novos clientes", agradecendo a cooperación da Deputación de Ourense e engadindo que na CEO estamos plenamente comprometidos co emprendemento, proba diso é a celebración desta feira".
No acto, que contou tamén coa participación da xefa do Servizo de Emprego e Economía Social da Xunta en Ourense, Pilar Fernández, presentáronse iniciativas de cooperativismo dos sectores de educación, consultoría, natureza, cosmética natural, alimentación, tecnoloxía e audiovisual, todas elas baixo o epígrafe da feira, "Conecta co teu público", un evento que permitiu ás catorce entidades participantes na mostra dar a coñecer á sociedade ourensá produtos e servizos galegos con valores sociais.