A Deputación de Ourense colabora con Médicos sin Fronteras na exposición "40 anos de acción humanitaria independente"

Compartir

  • A iniciativa ten como obxectivo achegar aos cidadáns o labor médico-humanitaria da organización para amosar a realidade das poboacións que precisan asistencia sanitaria urxente.

A ONG Médicos sin Fronteras comeza esta semana un percorrido por diferentes concellos da provincia de Ourense para sensibilizar e divulgar na cidadanía a situación na que se atopan poboacións que precisan asistencia sanitaria urxente, e faino por medio da exposición "40 anos de acción humanitaria independente", unha iniciativa na que colabora a Deputación de Ourense.

O traballo expositivo de Médicos sin Fronteras chegará aos concellos de Cartelle, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Ramirás, Xunqueira de Espadanedo e Xunqueira de Ambía, as seis localidades que formarán parte desta iniciativa que ten como principal obxectivo achegar aos cidadáns a labor médico-humanitaria da organización e, deste modo, amosar a realidade das poboacións que precisan asistencia sanitaria urxente.

"40 anos de Acción Humanitaria Independente" é unha mostra que, con motivo do 40 aniversario da organización, repasa a súa historia e os principios que guiaron o seu labor durante as últimas décadas. A exposición consta de 30 fotografías que plasman o traballo de MSF nalgúns dos contextos nos que interveu dende o seu nacemento, contextos nos que prestou asistencia a poboacións en situación precaria e a vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria, nos cinco continentes.

O Edificio Multidisciplinar (Finca A Tella. Luíntra) en Nogueira de Ramuín é o primeiro lugar en acoller esta exposición, desde o día de 16 ata 30 de xuño en horario de 10.00 a 19.00 horas. A exposición continuará o seu camiño cara o Concello de Parada de Sil (do 1 ao 15 de xullo); Xunqueira de Espadanedo (do 18 ao 31 de xullo); Xunqueira de Ambía (do 3 ao 15 de agosto); Ramirás (do 19 ao 31 de agosto) e finalmente en Cartelle (do 3 ao 15 de setembro).

A mostra abre unha ventá aos conflitos de Afganistán, Líbano, Territorios Palestinos, Iraq, Colombia, Bosnia, Chechenia, Somalia, Darfur ou República Democrática do Congo, entre outros, así como ao xenocidio de Ruanda, as fames de Etiopía e Angola, o terremoto e posterior epidemia de cólera de Haití, o furacán Mitch en Centroamérica, o tsunami do sueste asiático, e a crises relacionadas con pandemias, brotes epidémicos e enfermidades esquecidas como o VIH/sida, a febre hemorráxica Marburg, a meninxite ou o mal de Chagas.

Destas crises e do traballo do persoal de MSF foron testemuña prestixiosos fotógrafos como Sebastião Salgado, Juan Carlos Tomasi, Bruno Stevens, Bruno Barbey, Olivier Jobard, Roger Job, Eric Bouvet e John Stanmeyer, ou axencias como Gamma, Magnum, Cosmos, Moment, Sipa Press e VII, que contribuíron co seu traballo a loitar contra o esquecemento político e mediático que leva décadas cobrando un alto prezo en vidas humanas e sufrimento en todo o mundo.

Ao longo destas catro décadas, o acceso ás poboacións sempre foi difícil; non obstante, MSF constata que, na actualidade, o respecto polas intervencións humanitarias se reduciu aínda máis, de forma que cada vez resulta máis complexo negociar a presenza dos equipos e preservar a seguridade dos proxectos en ámbitos volátiles. As ameazas non veñen unicamente do obstáculo e o acoso en terreo, senón de preocupantes estratexias de manipulación e politización da axuda humanitaria en beneficio doutros intereses que non son os das poboacións necesitadas de axuda urxente.

Este traballo, así como o realizado ao longo dos últimos 40 anos, non tería sido posible sen o apoio da base social de MSF: actualmente, a organización conta con máis de 5 millóns de socios e colaboradores en todo o mundo, máis de 565.000 en España, que garanten que o 90% dos fondos da organización sexan de orixe privada, e polo tanto que MSF poida prestar unha asistencia humanitaria independente, inmediata e allea ás axendas políticas, e denunciar sen interferencias as situacións que sofren as poboacións ás que asiste. En Galicia conta con 27.000 socios e colaboradores.