A Deputación de Ourense colaborará coa comisión pola estrada de San Agustín para o seu arranxo
- Manuel Baltar e Pablo Pérez reuníronse hoxe no Pazo Provincial cos representantes desta comisión para abordar as posibles liñas de actuación co fin de resolver esta problemática.
Ourense, 6 de agosto de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez reuníronse hoxe no Pazo Provincial coa comisión pola estrada de San Agustín para avaliar posibles liñas de actuación co fin de arranxar as estradas Viana-San Agustín e Sever-Encoro de Pías. Trala xuntanza, o deputado provincial de Cooperación explicou que acordaron que a Deputación de Ourense "colaborará coa comisión nas negociacións coa empresa eléctrica Enel –titular da estrada- para resolver esta vella problemática". Así mesmo, Pablo Pérez explicou que na reunión "evidenciamos o firme compromiso do goberno provincial de colaborar económica e tecnicamente na solución desta situación que sofren os veciños de Viana do Bolo".
"Na reunión a comisión propúxonos que a Deputación de Ourense asumira a titularidade desta estrada pero, en base aos informes técnicos realizados polo persoal desta institución, non é posible que a institución provincial adquira esta estrada dado que, tal e como se reflexa nos informes, os camiños non reúnen as características técnicas mínimas para prestar o servizo público viario", explicou Pablo Pérez. Así, entre as diferentes propostas suxeridas por ambas partes para solventar esta problemática, "acordamos que o Concello de Viana do Bolo asuma a titularidade desta estrada e realice unha achega económica á que tamén se suma o goberno provincial xunto coa achega que se lle esixirá á empresa", engadiu o deputado provincial de Cooperación.
A comisión pola estrada de San Agustín foi nomeada polo Pleno do Concello de Viana do Bolo e está integrada por representantes de tres forzas políticas: en representación do PP, Ramona García; en representación do BNG, Manuel Diéguez; e en representación do PSOE, Santiago Barja.