A Deputación de Ourense conmemora os 38 anos do Estatuto de Autonomía para Galicia cos VI Premios de debuxo e redacción escolar

Compartir

  • 40 escolares de 16 centros educativos ourensáns recibiron o recoñecemento ao seus traballos sobre o estatuto, tendo como lema nesta edición: "Os nosos concellos: a casa de todos".

  • Manuel Baltar destacou, na clausura do acto, celebrado no Teatro Principal de Ourense, que non hai ningún outro concurso ou celebración que conmemore os 38 anos da aprobación da Lei Orgánica do Estatuto de Autonomía para Galicia, só o facemos en Ourense e por sexto ano consecutivo, pensando nos máis novos".

  • O presidente do goberno provincial salientou "o orgullo que supón ver como se consolida esta iniciativa, e seguir sendo os primeiros en lembrar a norma institucional básica galega que regula a nosa convivencia e que tanto nos deu e nos dará no futuro", expresou Baltar.

Ourense, 6 de abril de 2019.- A Deputación de Ourense conmemorou hoxe o 38 aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia co acto de entrega dos VI Premios de debuxo e redacción escolar que convoca anualmente a institución provincial ourensá. 40 escolares de 16 centros educativos da capital e da provincia de Ourense recibiron o recoñecemento ao seus traballos sobre o estatuto, tendo como lema nesta edición: "Os nosos concellos: a casa de todos".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar destacou, na clausura do acto, celebrado no Teatro Principal: "Non hai ningún outro concurso ou celebración que conmemore os 38 anos da aprobación da Lei Orgánica do Estatuto de Autonomía para Galicia, só o facemos en Ourense, e por sexto ano consecutivo, pensando nos máis novos", e salientou "o orgullo que supón ver como se consolida esta iniciativa, así como seguir sendo os primeiros en lembrar a norma institucional básica galega que regula a nosa convivencia e que tanto nos deu e nos dará no futuro", expresou Baltar.

O presidente do goberno provincial lembrou que formou parte do Parlamento de Galicia e que foi relator da reforma do estatuto, "sen dúbida, unha das tarefas máis importantes que asumín en todo este tempo, porque estamos a falar da norma que regula Galicia, esta nacionalidade histórica á que pertencemos e onde Ourense, xogou, xoga e xogará sempre un papel esencial".

Baltar agradeceu aos alumnos, premiados e participantes, aos familiares e profesores a súa "dedicación, personalidade e traballo", e remarcou que nesta edición o premio entrégase por primeira vez no Teatro Principal -debido ao incremento na participación-, "un espazo emblemático, situado na rúa da Paz, que tantos intelectuais galeguistas deu á Galicia que hoxe honramos. O seu labor de fai décadas fixo posible que contemos cun goberno, a Xunta de Galicia, que garante a convivencia e fai que as competencias que desenvolve sexan cada vez máis, a prol dos cidadáns galegos".

Manuel Baltar salientou "a honra que significa levar a cabo este certame, sentir o estatuto como noso, marcar unha liña que aínda outra provincias non seguen, polo cal, os gañadores deste concurso sodes únicos e pertencedes a Ourense, unha provincia que contribuíu como ningunha outra á formación dun pensamento e dunha Galicia que hoxe goza de autogoberno de seu", agradecendo aos escolares a participación "e a difusión que facedes desta idea dunha Galicia do século XXI, onde tendes tanto que aportar".

"Estamos na globalidade, no mundo, pero tamén, nunha provincia como Ourense -dixo Baltar-, que onte celebrou que a Ribeira Sacra fose declarada a candidata de España para Patrimonio Mundial pola UNESCO, unha iniciativa que partiu desta Deputación, de Ourense, e da cal podemos dicir: obxectivo conseguido; será unha distinción que non só favorecerá á Ribeira Sacra senón ao conxunto da provincia de Ourense".

No acto de hoxe estreáronse os novos arranxos do Himno Oficial da Provincia de Ourense, realizados polo músico ourensán Sebastián Mato, obra que foi interpretada polo coro do colexio Padre Feijoo-Zorelle, previo ao colofón do acto co Himno Galego. A celebración contou tamén coa actuación do grupo de percusión Odaiko, e finalmente, os escolares premiados posaron para a foto de familia co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; coa delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e con deputados provinciais, autonómicos e nacionais. Nesta edición presentáronse ao premio 252 traballos de debuxo e 170 de redacción, destacando o xurado o alto nivel de calidade das obras, resultando premiados alumnos dos colexios: O Pino, Padre Feijoo-Zorelle, Ben-Cho-Shey, Guillelme Brown, Os Blancos, Cenlle, La Purísima, Miraflores, Sandiás, O Bolo, Cardenal Cisneros, Allariz, Divina Pastora, Segrado Corazón do Carballiño, María Inmaculada de Verín e Carmelitas.