A Deputación de Ourense convoca o IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar

Compartir

Ourense, 3 de febreiro de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras e a convocatoria do IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar, que ten como obxecto conmemorar a aprobación do Estatuto e contribuír a súa difusión, coñecemento e significado entre os escolares ourensáns. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 3 de febreiro.

O lema desta edición do concurso é "A nosa lingua", en correspondencia co artigo 5 do estatuto, Poderán participar a título individual os estudantes de infantil, primaria, educación especial, ensino secundario obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional, de centros de ensino xeral tanto públicos, como privados ou concertados da provincia de Ourense.

As modalidades do premio, en función do nivel educativo, son: alumnos de educación infantil, primaria e educación especial, presentarán un debuxo ou traballo artístico que faga referencia ao lema do concurso; e os alumnos de ensino secundario obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía. O prazo para presentar os traballos remata o vindeiro 17 de marzo e farase público o ditame do xurado o día 30 de marzo.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo, o xurado seleccionará os 12 mellores debuxos, tendo en conta cada un dos niveis educativos, e serán premiados cun diploma e un lote de libros; mentres que, na modalidade de redacción, o xurado seleccionará os 20 mellores traballos, tendo en conta tamén os niveis educativos, cursos e idades dos participantes, e serán premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar o Parlamento de Galicia, e realizar algunha outra actividade cultural. A entrega dos premios terá lugar o día 6 de abril no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía.

As bases reguladoras do IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar serán publicadas proximamente no Boletín Oficial da Provincia.

Medio Ambiente

En materia de medio ambiente, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 209.000 euros destinada a catro proxectos de carácter medio ambiental a realizar en áreas fluviais dos municipios de Bande, Muíños, Padrenda e Leiro, obras que se executarán a través de convenios coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os citados concellos.

O primeiro dos proxectos executarase no río Badella, ao seu paso polo Concello de Bande, e permitirá prolongar o sendeiro xa existente en 800 metros máis, ademais da limpeza do río. O investimento será de 295.000 euros, dos que o 20 % (59.000 euros) serán achegados pola Deputación e o 80 % restante (236.000 euros) pola Confederación Hidrográfica. O Concello de Bande, pola súa parte, farase cargo do mantemento e conservación destas obras.

O convenio que terá como beneficiario ao Concello de Muíños vai destinado a unha senda peonil na marxe esquerda do encoro das Conchas, xunto ao complexo turístico-deportivo do Corgo, e que conectará coa rede de sendas xa existentes. O investimento necesario é de 80.000 euros, dos que o 50 % (40.000 euros) serán achegados pola Deputación e o 50 % restante (outros 40.000 euros) pola Confederación.

O terceiro dos convenios refírese ao paso sobre o río Gorgua, no Concello de Padrenda, para adecualo en condicións de seguridade á circulación de vehículos sobre este paso. O investimento ascende a 100.000 euros, dos que a Deputación de Ourense achegará o 50 % (50.000 euros) e 50 % restante (outros 50.000 euros) correrá a cargo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Neste mesmo ámbito aprobouse a modificación dun convenio inicialmente previsto para a reparación dunha pasarela na marxe dereita do río Avia, no Concello de Leiro. Dado o deterioro deste paso, que será demolido, o novo proxecto consistirá nunha senda fluvial que discorrerá sobre a marxe do río Avia, dando continuidade ao paseo fluvial. O investimento é de 310.000 euros, dos que a Deputación financiará 60.000, a Confederación Hidrográfica 100.000 euros, e o Concello de Leiro 150.000 euros.

Continuando en materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou a adhesión do Concello de San Amaro ao convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos para a prestación, por parte do goberno provincial, do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.

No apartado de deportes, na xuntanza aprobouse a concesión de bonificacións nos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas no Pazo dos Deportes "Paco Paz" nas porcentaxes e nas entidades deportivas seguintes: Club Voleibol Ourense, 60%; Escola Burgas Ximnasia, 90%; Club Baloncesto Valenzá, 45%; Club Burgas Voleibol, 60%; Club Tenis de Mesa Academia San Mamed Ourense, 75%; Club Marusia Ximnasia, 90%; Asociación Aixiña, 90%; e a Asociación Renacer, 75%. Así mesmo, acordou que as Copas Deputación da tempada 2016-2017 continúen a gozar dunha bonificación do 100%.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou, de acordo ao informe xurídico da Secretaría Xeral da Deputación, desestimar o recurso de reposición interposto contra os acordos adoptados pola Xunta de Goberno de data 29 de setembro de 2016, de aprobación das bases reguladoras dos concursos para a concesión de subvencións para o exercicio 2017.