A Deputación de Ourense crea unha Central de Compras co obxectivo prioritario de máis aforro e eficiencia

Compartir

As novas accións do Plan OURENSE 92 inclúen tamén a creación dun Centro Único de Contratación e a unificación e modernización do parque móbil.

Manuel Baltar afirma que estas medidas "teñen como finalidade seguir mellorando na xestión dos recursos públicos".

Os concellos poderán solicitar a intermediación da Deputación na xestión de compras e contratacións para optimizar custes.

A Deputación de Ourense pon en marcha dende hoxe unha Central Provincial de Compras e un Centro Único de Contratación que teñen como obxectivo "un maior aforro e eficiencia na xestión dos recursos públicos". Así o expresou hoxe o presidente provincial, Manuel Baltar, na presentación das novas accións que vai desenvolver a institución provincial, enmarcadas no Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92 da Deputación de Ourense.

Baltar destacou que a mellora na xestión e a cooperación cos concellos da provincia "estendémola agora ao ámbito das compras e da contratación, pois centralizar a súa xestión permitiranos acadar un significativo aforro tanto para a Deputación como para os concellos que opten por solicitarnos este servizo".

Asemade, tamén se presentaron as liñas estratéxicas que marcarán as actuacións do parque móbil da Deputación de Ourense, cuxa principal novidade é que a partires de agora vaise unificar e modernizar a maquinaria deste servizo pero sen facer ningunha compra, pois a devandita renovación realizarase por medio de operacións de leasing e renting.

Acompañado polos técnicos Javier Martínez de Anta, Manuela Sotelo e José Fírvida, o presidente da Deputación de Ourense destacou que esta nova maneira de xestionar "vai supoñer un pulo importante para a institución provincial e para os concellos da provincia porque favorecerá unha maior coordinación e organización e vainos permitir sermos máis competitivos no que atinxe ás compras e a contratación, ao estar todo centralizado".

A Central Provincial de Compras e o Centro Único de Contratación encargaranse da xestión integral dos expedientes de contratación administrativa da Deputación e do rexistro de contratistas e provedores da Deputación, así como da xestión do perfil do contratantes e da tramitación de todas as facturas vinculadas aos expedientes de contratación tramitados.

Asemade terán entre as súas competencias a elaboración, tramitación e xestión do Plan Provincial de Cooperación, e prestarán asistencia aos concellos en materia contractual. Nestes senso, xa son 51 os municipios de Ourense que teñen solicitado asistencia en materias como asesoramento en trámites e expedientes de contratación, perfil do contratante, mesas de contratación e comités de expertos, entre outras.

Con respecto ao parque móbil as accións que se van levar a cabo abranguen a unificación do mesmo (móbil e de maquinaria) como flota única da Deputación para acadar unha distribución máis eficiente; creación dunha oficina administrativa única, e instalación dun programa de xestión de flotas a través de GPS para controlar eficientemente as rutas e favorecer o aforro de tempos e combustible.

Tamén contempla a nova xestión do parque móbil a posta en marcha dun sistema de control de horarios de comezo e fin dos diferentes servizos, a redución do parque móbil e, de ser o caso, a renovación a través de renting ou leasing, así como a realización de cursos prácticos para perfeccionar aos traballadores no manexo da maquinaria.