A Deputación de Ourense da un paso á fronte para que Ourense acolla o Centro Galego de referencia na FP

Compartir

  • O empresariado avala esta decisión estratéxica tomada por Manuel Baltar

Ourense, 15 de xaneiro de 2019.- O presidente, Manuel Baltar, reuniuse na sala de xuntas da Deputación de Ourense con empresarios e asociacións representantes das principais empresas da provincia e de Galicia para analizar as potencialidades de que esta iniciativa se implante en Ourense. Neste sentido, cabe salientar a presencia de COPASA, UNVI, COGESA, Grupo Cuevas, Plexus, Redegal, Aníbal Blanco, Abanca, Grupo La Región, CEGASAL, as confederacións de empresarios de Ourense e de Pontevedra, o Círculo de Empresarios de Galicia, a Asociación de Pizarristas, e ANFACO-Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas.

Estas empresas ligadas aos sectores da construción, dos servizos financieiros, das novas tecnoloxías, da economía social, da automoción e fabricación de pezas, da loxística e transporte, da industria agroalimentaria e da industria extractiva son a base da economía galega e ourensá. Só na provincia de Ourense, o volume total de facturación destes sectores tractores superou en 2017 os 4.500 millóns de euros.

Durante a reunión establecéronse obxectivos en común e analizáronse as necesidades formativas das empresas á hora de contratar estudantes de ciclos formativos. De forma xeral, cabe salientar que o FP é unha panca para encontrar emprego máis rápido que noutras opcións educativas, cun 76,5 % de inserción laboral. Actualmente na provincia de Ourense unicamente existen tres ofertas formativas ligadas á FP dual.

Manuel Baltar xa anunciara no debate sobre o estado da provincia de Ourense, celebrado o 6 de novembro de 2018, que a Deputación estaba disposta -tanto por capacidade loxística como por solvencia económica- a cofinanciar coa Xunta de Galicia a implantación do gran centro de referencia de FP de Galicia ante a negativa do Consorcio Estatal da Zona franca de Vigo a participar no proxecto.

Para Manuel Baltar trátase dunha decisión política de equilibrio territorial e de vocación claramente autonómica, apostando polas nosas potencialidades. O presidente da Deputación de Ourense, escoitou as opinións de empresarios e representantes de entidades empresariais que valoraron a decisión do goberno provincial como "acerto político, intelixencia e valentía", liderando unha cuestión sumamente capital.

Manuel Baltar tamén ofreceu aos asistentes a posibilidade de participar no deseño do centro, "xa que o éxito do mesmo dependerá da implicación do sector empresarial; gran coñecedor da realidade laboral e das ofertas e demandas actuais para afondar e perfeccionar a empregabilidade".