A Deputación de Ourense desenvolveu 57 accións formativas para empregados públicos e cargos electos en 2017
- Para tal fin, a institución provincial destinou un total de 176.574 euros.
Ourense, 26 de maio de 2018.- A Deputación de Ourense vén de informar sobre o Plan Agrupado de Formación Continua do ano 2017, a través do cal a institución provincial ofreceu un total de 57 accións formativas o ano pasado, para empregados públicos e cargos electos. Para tal fin, a Deputación de Ourense destinou un orzamento total de 176.574 euros dos cales, 95.000 euros son para actividades formativas dos empregados públicos, 30.000 euros para as actividades formativas para cargos electos, e 51.574 euros a axuda da EGAP ao Programa Provincial de Formación Continua.
Das 57 accións formativas, 53 delas foron cursos de formación continua nos que participaron 997 empregados públicos e 4 delas foron xornadas de formación nas que se deron cita un total de 286 persoas entre empregados públicos, cargos electos e público en xeral, ascendendo o número de participantes a un total de 1.283. En canto ás horas lectivas impartidas foron 1.706, correspondendo aos cursos 1.690 e 16 horas ás xornadas. Así o informou o vicepresidente segundo do goberno provincial, Jorge Pumar, trala reunión da mesa provincial de Formación Continua da Deputación de Ourense na que se deu conta do balance do programa de Formación da Deputación correspondente ao ano 2017, e na que se perfilaron as liñas de deseño do Programa para este ano 2018.
Jorge Pumar destacou que o Plan de Formación Continua da Deputación de Ourense "confirma a aposta decidida deste goberno provincial pola formación dos empregados públicos da provincia, xa que consideramos imprescindible unha formación actualizada para poder prestar o mellor servizo posible aos cidadáns".
Neste programa participaron 98 entidades locais, entre concellos e mancomunidades, sendo 4.282 os empregados públicos locais destinatarios deste plan. Asemade, algunhas desas actividades formativas do ano 2017 desenvolvéronse en diferentes concellos da provincia como Allariz, O Carballiño, Verín ou Viana.