A Deputación de Ourense destina 150.000 euros para axudas a entidades deportivas
A Deputación de Ourense vai destinar 150.000 euros para axudas económicas a entidades deportivas da provincia de Ourense, cunha contía máxima de 10.000 euros por club. Así o recolle o Boletín Oficial da Provincia, número 157, de hoxe martes 10 de xullo, no que se publican as bases reguladoras da convocatoria de concurso público para a concesión de subvencións a clubs deportivos de Ourense para o ano 2012.
O prazo improrrogable de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte da publicación polo que a data límite é o vindeiro 11 de agosto. Poderán ser beneficiarios das subvencións os clubs deportivos que reúnan os requisitos de estar inscritos nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia e que teñan o seu domicilio social na provincia de Ourense, circunstancia que deberá constar na inscrición no rexistro deportivo oficial da Xunta de Galicia.
Ademais terán que ter participado na temporada 2011/2012 en competicións oficiais, calquera que sexa o seu ámbito, convocadas polas súas respectivas federacións, e deberán posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría sénior ou absoluta. Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de cinco licenzas federativas de deportistas de base en competición.
As entidades admitidas e baremadas serán clasificadas en catro grupos, en función da incidencia recíproca que teñen entre si os tres indicadores xerais que se establecen nas bases da convocatoria: Grupo I de competición nacional, grupo no que deberán integrarse aqueles clubs que participan nun ámbito xeográfico que estende a maior parte da competición durante a temporada a toda España. Grupo II de competición autonómica-nacional, mixto, grupo que abrangue os clubs que realizan a súa competición compartida entre a Comunidade Autónoma e o resto do Estado. Grupo III de competición autonómica, correspondente aos que só desenvolven a súa actividade competitiva no marco da Comunidade Autónoma, e finalmente o Grupo IV de competición provincial e base, no que se integran as entidades deportivas con ámbito xeográfico de competición soamente provincial e os que teñan a consideración de clubs de base.