A Deputación de Ourense destina 165.000 euros a programas culturais, educativos e de investigación da Universidade de Vigo

Compartir

  • Manuel Baltar e Salustiano Mato asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións para desenvolver estes proxectos no Campus de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións por un importe total de 165.000 euros, para o desenvolvemento de programas e actividades de difusión cultural, investigación, educación e deportes no Campus de Ourense. O acto, que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, contou tamén coa presenza da vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras.

Manuel Baltar e Salustiano Mato coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre Deputación de Ourense e Universidade de Vigo "porque cada unha, desde a súa perspectiva, aposta firmemente pola potenciación do Campus de Ourense, porque con este irrenunciable compromiso estamos contribuíndo ao desenvolvemento da nosa provincia a través da formación e a preparación dos xóvenes universitarios", afirmou Manuel Baltar.

O presidente provincial dixo tamén que esta colaboración que se ven levando a cabo desde hai anos "non exclúe que abramos novas liñas de cooperación relacionadas coa investigación e a realización de estudos que avalíen a implantación de novas infraestruturas e servizos na provincia de Ourense".

Neste senso, Manuel Baltar agradeceu ao reitor a colaboración institucional que a Universidade de Vigo mantén coa Deputación de Ourense, destacando o apoio amosado por Salustiano Mato para que a Universidade de Vigo forme parte do "Observatorio da Sostibilidade", que se aprobará no pleno da corporación provincial o vindeiro venres, unha iniciativa pioneira que pon en marcha a Deputación de Ourense e que ten como obxectivo a recompilación de información ambiental, económica e social relevante da provincia de Ourense e o intercambio de información, coñecemento, investigación e xestión sobre sostibilidade, concordante cos compromisos de Aalborg.

O convenio asinado hoxe entre Baltar e Mato ten como obxectivo a promoción e fomento de actuacións e programas en materia cultural, de educación, investigación e deporte, a desenvolver no Campus de Ourense e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia de Ourense.

O convenio inclúe un programa de proxección universitaria e actividades culturais (Alterarte, Obradoiros, MITEU, MOTI, roteiros culturais, Cursos de Verán, Cátedra Carlos Casares, Concerto de Nadal, Visións de Galicia e Portugués Perto), así como actividades que fomenten a igualdade e inclusión de todas as persoas. Tamén figuran no ámbito do convenio a realización dun programa de apoio á mobilidade estudiantil para o alumnado do campus de Ourense integrados no programa ERASMUS, e un programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2013).

Salustiano Mato afirmou que a Deputación de Ourense "é unha institución estratéxica" e que esta alianza entre o ente provincial e a Unviersidade de Vigo "suma para multiplicar, afianza a relación e o valor mutuo de ámbalas dúas entidades e nos permite seguir avanzando para enriquecer a oferta formativa do Campus de Ourense". O reitor, que agradeceu que a pesares da actual crise a Deputación de Ourense manteña o seu apoio económico á Universidade de Vigo, subliñou "a importancia do Campus da Auga "que lle dará ao Campus de Ourense unha importante especialización e internacionalización", o que suporá un pulo no que atinxe á investigación e docencia do campus ourensán.