A Deputación de Ourense destina 6,9 millóns de euros para investimentos, un 41% máis que en 2012
- Obras, servizos sociais, infraestruturas, atención á infancia, deporte e promoción económica, cultural e turística, son as principais áreas de actuación en 2013.
- Poténciase a cooperación e impúlsase a xeración e mantemento de postos de traballo vertebrando o territorio.
- Como novidade, Manuel Baltar quere que nos orzamentos de 2014 o movemento veciñal "teñan voz e poida achegar as súas propostas".
A Deputación de Ourense destina este ano 2013 máis de 6,9 millóns de euros para obras, servizos, promoción económica e cooperación cos concellos e entidades sociais e culturais da provincia de Ourense. En concreto, o total do investimento -6.922.567 euros- comprende accións de servizos sociais, infraestruturas, atención á infancia, deporte e promoción cultural, económica e turística.
Trátase de partidas orzamentarias enmarcadas no Plan Provincial de Obras, a rede viaria, a cooperación provincial cos concellos, consorcios, acción social e de promoción, así como convenios con institucións sen ánimo de lucro e con asociacións culturais e recreativas. Un montante global que para este ano supón un incremento do 41,6% con respecto do exercicio 2102.
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, afirma que a pesares da crise, das dificultades económicas e dos axustes orzamentarios "a Deputación de Ourense é quen de incrementar notablemente os seus investimentos porque prioriza nas accións e proxectos que favorezan e melloran os servizos sociais, a cooperación cos concellos e ás infraestruturas, para que todos os cidadáns gañen, para que gañen os nosos concellos e a provincia de Ourense". Baltar subliña que con estes investimentos "potenciamos a cooperación e impulsamos a xeración e mantemento de postos de traballo vertebrando o noso territorio".
A partida que maior investimento rexistra é a da cooperación provincial cos concellos, a cal, unida ao Plan Provincial de Obras, supón un investimento de cáseque catro millóns de euros -3.993.250 euros- para obras de infraestruturas, melloras urbanas, construción e mellora de centros sociais, centros de día e de maiores, infraestrutura eléctrica e alumeado, saneamento e infraestruturas deportivas. A esta cifra hai que engadir o 1.200.000 euros destinados á rede viaria provincial.
Como novidade neste apartado, destaca que oito concellos solicitaron que a achega que lles corresponde polo Plan Provincial se lle destine para gasto corrente –unha posibilidade innovadora ofrecida este ano pola Deputación de Ourense-, mentres que os 83 restantes destinarán estes fondos para obras nos seus municipios.
Veciños e presupostos 2014
Manuel Baltar afirma que a Deputación de Ourense se caracteriza por potenciar os servizos sociais, "para que as políticas de benestar sexan a máxima prioridade", e engade que xunto aos servizos e infraestruturas que se melloran "temos tamén que darlle á palabra aos cidadáns, e por iso queremos que nos orzamentos de 2014 o movemento veciñal de Ourense poida opinar e propoñer iniciativas, para que os vindeiros presupostos sexan sociais con maiúsculas e conten coas suxestións dos cidadáns", subliñando o carácter "aberto do goberno provincial, onde a participación e o diálogo son eixos fundamentais".
Tamén por primeira vez a Deputación de Ourense asina convenios coa Cámara de Comercio e co Centro Comercial Aberto, coa firme determinación de apostar pola dinamización empresarial e comercial e para referendar o seu apoio á Cámara, destinando en total para as dúas entidades 37.000 euros.
No apartado de consorcios-cooperación concellos e mancomunidades destínanse 639.000 euros para Protección e defensa civil (pertencente ao convenio coa Xunta de Galicia para os grupos de emerxencias), o Consorcio de Augas de Valdeorras e a Mancomunidade Conso-Frieiras. Asemade, para a Asociación de Municipios "Portas Galicia" a partida destinada a plan de competitividade turística ascende a 19.255 euros.
Nos apartados de servizos sociais, cultura, termalismo e asociacións sen ánimo de lucro o total de investimento supera os 300.000 euros, destacando as partidas destinadas ao funcionamento de Puntos de Atención Infantil (PAI) e transporte de persoas dependentes. Asemade, a importancia da promoción cultura e etnográfica reflíctese no apoio a importantes eventos da provincia de Ourense como son a Festa da Istoria, a Mostra Internacional de Teatro, a Romaría Raigame, a Feira do Viño do Ribeiro, a Festa do Polbo do Carballiño, a Festa do Porco Celta e a potenciación das artes escénicas, entre outros.
Para instalacións deportivas e fomento do deporte a Deputación de Ourense destina en 2013 un total de 361.912 euros, repartidos en obras de infraestruturas e no proxecto de innovación da Estación Invernal de Cabeza de Manzaneda. En canto ao medio ambiente e o termalismo reciben unha partida de 100.000 euros destinados no primeiro apartado á Mancomunidade de Ourense (50.000 euros) e para as reformas do edificio do novo balneario de Cortegada, no segundo caso (50.000 euros).