Deputación de Ourense e ABANCA asinan un convenio para impulsar o crédito na provincia

Compartir
  • O Plan Activamos / Transforma Ourense ten como obxectivo apoiar iniciativa orientadas ao desenvolvemento económico e social.

  • ABANCA destina 30 millóns de euros na provincia para financiar a empresas, familias, corporacións locais e organismos autónomos.

A Deputación de Ourense e ABANCA asinaron esta tarde no Mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea) un acordo –O Plan Activamos / Transforma Ourense- por medio do cal a entidade financeira destinará 30 millóns de euros para o financiamento de iniciativas enfocadas ao desenvolvemento económico e social da provincia de Ourense. Na sinatura do convenio interviñeron Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. O acto contou tamén coa presenza do vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, e de persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural.

O Plan Activamos / Transforma Ourense vai dirixido a familias, empresas, corporacións locais e organismos autónomos. ABANCA financiará, en condicións preferentes con respecto ás estándar do mercado proxectos relacionados coa formación, a accesibilidade ás vivendas, a extensión das novas tecnoloxías, a eficiencia enerxética, o empredimento e a creación de emprego.

Francisco Botas dixo que con esta iniciativa "agardamos contribuír, a través do financiamento, a que as familias, as empresas e as corporacións e os organismos da provincia poidan facer realidade seus proxectos", engadindo que a nosa misión como entidade financeira "é facer chegar os recursos alí onde son necesarios para xerar progreso e benestar común".

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial saudou este acordo "cunha entidade que aposta polo noso tecido empresarial, social, cultural e mesmo institucional, con liñas específicas para as corporacións locais de Ourense, co obxectivo de insuflar optimismo á economía e poñer a disposición de emprendedores, familias e corporacións, o crédito necesario para facer realidade os seus proxectos. E así, entre todos, seguir a construír Ourense".

Manuel Baltar destacou que, no seu día, "a Deputación promoveu a posta en marcha da Caixa de Aforros Provincial de Ourense, un instrumento clave no desenvolvemento provincial, e o baleiro que sentimos nas últimas décadas coa desaparición de entidades tan apegadas á terra, comeza agora a ser reparado nesta nova etapa histórica de ABANCA, a quen Ourense e a Deputación seguirá a propoñer alianzas que redunden en beneficio desta terra e das súas xentes", citando retos como o Plan Termal ou o proxecto de "Provincia intelixente".

Baltar subliñou: "Galicia segue mantendo unha entidade financeira propia, sendo así unha das poucas comunidades que o poden dicir. E trátase dun valor de ABANCA conservar o vínculo co territorio. Iso é o que fai hoxe coa sinatura deste acordo unha entidade bancaria comprometida, solidaria e allea ás aventuras inapropiadas".

Proxectos financiables

No ámbito da actividade empresaria ABANCA financiará a posta en marcha de novos negocios, as novas contratacións nos xa existentes, os novos investimentos empresariais e a realización de actuacións que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética das empresas da provincia de Ourense.

Polo que respecta ás familias, a través do Plan Activamos / Transforma Ourense ABANCA proporcionará recursos para a realización do programas de formación universitaria de grao e postgrao, a adquisición de equipamento tecnolóxico e conexión de banda ancha, a realización de obras para a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética en vivendas, así como para a adquisición de vehículos eficientes. As corporacións locais e organismos autónomos poderán solicitar crédito tanto para realizar investimentos como para as súas necesidades de circulante.

Os produtos de financiamento contarán con tipos de interese bonificados en relación á oferta bancaria actual e sen bandas de flutuación. Ademais carecerán de comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada, disporán de amplos prazos de amortización, e contarán con carencias en aquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.

ABANCA é a primeira entidade en Ourense, onde xestiona 4 de cada 10 euros do negocio bancario da provincia e posúe máis do 40 % das oficinas. O banco da cobertura a máis do 78 % dos municipios ourensáns, entre eles, 56 concellos con menos de 3.000 habitantes e 22 que teñen menos de 1.500 veciños.

Este acordo entre ABANCA e a Deputación de Ourense xurde da iniciativa conxunta de ámbalas dúas institucións de colaborar en favor da competitividade e o desenvolvemento da provincia de Ourense. Neste senso, a Deputación de Ourense contemplou dentro do seu Plan de Xestión e Estratexia Operativa OURENSE 92 a creación do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta de diagnose para coñecer a realidade socio-económica da provincia, e na presentación do seu último informe de xuño pasado, Manuel Baltar xa adiantou que estaba en negociacións para a materialización do convenio que hoxe rubricaron ABANCA e a Deputación de Ourense.