Deputación de Ourense e "Amigos da Terra" potencian o centro de educación ambiental As Corcerizas

Compartir

Asinaron un acordo que permitirá á asociación seguir desenvolvendo na Serra de San Mamede actividades de lecer e formativas referidas á ecoloxía e ás prácticas sostibles. O centro é pioneiro en Galicia e un referente estatal na "bioconstrución" en no uso das enerxías renovables para o autoconsumo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da entidade "Amigos da Terra Galicia-Xuventude", Paula Vidal Abalo, asinaron hoxe un acordo que permitirá á asociación continuar desenvolvendo ata o ano 2022 actividades formativas e de lecer referidas á ecoloxía, o medio ambiente e o fomento das boas prácticas sostibles no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas, un centro pioneiro en Galicia e un referente estatal no eido da ecoloxía.

Desta maneira, a Deputación de Ourense outórgalle mediante este documento a "Amigos da Terra Galicia-Xuventude" unha prórroga do contrato de arrendamento sobre o "Centro de Educación Ambiental e Albergue Xuvenil de As Corcerizas" ata o 15 de agosto de 2022. O centro está ubicado no Concello de Vilar de Barrio, na Serra de San Mamede (Ourense) e está especializado en actividades ambientais.

Manuel Baltar e Paula Vidal coincidiron en afirmar que este acordo suporá un pulo importante ao desenvolvemento de actividades de formación, información e sensibilización sobre educación ecolóxica e sustentable, algo que o Centro As Cocerizas ven realizado dende hai anos, o que o levou a ser un centro pioneiro en Galicia e un referente de ámbito estatal no uso das enerxías renovables para o seu autoconsumo, e sinaladamente, no eido da bioconstrución e na xestión alternativa de resíduos.

Este centro formativo e de ocio sobre a natureza desenvolve ao longo do ano un singular programa de actividades medioambientais, entre as que figuran os "Roteiros de educación ambiental" sobre o cambio climático, as enerxías renovables ou a bioconstrución, ademais de actividades prácticas de agrogandeiría e silvicultura ecolóxica, nas que se abordan temas de transxénicos, compostaxe, ornitoloxía, e obradoiros de sons da natureza, enerxías renovables, bixutería natural e papel reciclado.

Estas actividades -moitas delas dirixidas a nenos e mozos- fomentan a conciencia ecolóxica e compleméntanse cun amplo programa que inclúe roteiros nocturnos, astronomía, deportes alternativos, rastrexos e estudos da biodiversidades, que fan deste centro de educación ambiental un lugar único en Galicia no desenvolvemento de actividades ecolóxicas.

Rede Ourensá de Municipios Sostibles

A Deputación de Ourense mantén unha firme e decidida aposta polas políticas medioambientais, e proba delo son os numerosos proxectos que ten en marcha tanto no que atinxe á recollida de lixo, xestión da auga e tratamento da biomasa forestal. Precisamente nesta liña, a Deputación de Ourense vai poñer en marcha en 2013 a "Rede ourensá de municipios sostibles", un proxecto ten como obxectivo converter á provincia de Ourense nun exemplo de sostenibilidade e coordinación municipal en todo o que atinxe ao medio ambiente.

Esta rede terá ámbito provincial e estará constituída por concellos interesados en poñer en marcha iniciativas de desenvolvemento sostible que aporten solucións aos problemas ecolóxicos e medioambientais que afectan ao ámbito municipal. Unha das finalidades é a sinatura do que será o "Pacto dos alcaldes", para crear unha verdadeira rede de sensibilización ecolóxica que se estenda desde as cabeceiras de comarca ata o núcleo rural máis pequeno da provincia de Ourense, "para facer da provincia de Ourense unha punta de lanza na defensa dos intereses medioambientais, porque é posible realizar políticas económicas, sociais e de infraestruturas pensando en clave ecolóxica e de sostenibilidade", afirma Manuel Baltar.

Para elo, inicialmente farase unha diagnose para coñecer o estado do medio ambiente e do desenvolvemento e uso dos recursos naturais da provincia de Ourense, levando a cabo unha coordinación e intercambio de experiencias sustentables entre os concellos acollidos nesta rede. Isto irá acompañado de accións para formar, sensibilizar e implicar aos técnicos e responsables municipais na xestión da sustentable e promover a implantación de "Axendas 21" comarcais e locais.