Deputación de Ourense e Concello de Ribadavia promoven a reciclaxe de vidro para o sector hostaleiro

Compartir

A campaña, na que participa a Asociación Ecovidrio, involucra a uns 30 establecementos de hostalería e restauración

Ribadavia, 2 de maio de 2013.- A Deputación de Ourense, xunto co Concello de Ribadavia e a asociación sen ánimo de lucro “Ecovidrio”, poñen en marcha unha campaña de reciclaxe de vidro no sector da hostalería que ten como obxectivo facilitar a bares, cafeterías, restaurantes, pubs e demais establecementos do sector a recollida e depósito do vidro destinado á reciclaxe.

Para elo, un novo dispositivo que consiste nun cubo con rodas e adaptado para as barras dos locais e un contedor de rúa con boca ancha, específico para hostelaría, permitirán facilitar o traballo de reciclaxe evitando que os profesionais da hostalería teñan que poñer unha por unha as botellas no depósito. Para elo, disporán dunha chave para a apertura do depósito e dun mecanismo elevador que axudará no volcado do cubo no contedor da rúa.

A presentación da campaña tivo lugar na Alameda de Ribadavia coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Ignacio Gómez, tenente alcalde de Ribadavia; María Sabas, técnica do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense, e Germán Fernández, xerente de Ecovidrio Galicia.

Rosendo Fernández cualificou o Medio Ambiente como “unha área fundamental” dentro do labor que fai a institución provincial a prol da mellora de servizos para cidadáns e concellos, “porque unha boa xestión das augas, do saneamento e dos residuos aporta benestar e fainos ser máis competitivos en todas as materias relacionadas coa protección do noso medio natural”.

O Concello de Ribadavia, que ten delegada a recollida dos residuos sólidos urbanos na Deputación de Ourense, pon en marcha esta campaña de sensibilización, cuxa finalidade é impulsar a reciclaxe de vidro nos establecementos hostaleiros do municipio. A iniciativa, denominada Horeca (hostalería, restauración e catering) está dirixida a uns 30 profesionais de Ribadavia, un sector que emprega en España o 48% do vidro que se produce.

O método de contenerización que emprega denomínase “VACRI” e consta de dúas ferramentas básicas: por un lado un cubo adaptado, que emprega o hostaleiro, e por outro lado, un iglú adaptado cunha nova boca de entrada denominada boca “porta de bar” que presenta unhas dimensións mais grandes do habitual e cun sistema hidráulico que facilita a elevación do cubo sobre o iglú.

A campaña levarase a cabo nuns 30 locais de Ribadavia, nos que se entregará un cubo adaptado por local e 11 iglús con boca “porta de bar” nos radios de acción destes locais. Así mesmo, a Deputación de Ourense percorrerá os establecementos para recoller información sobre o grado de satisfacción dos empresarios con este novo sistema de reciclaxe de vidro. Ademais, en todos aqueles establecementos que se adhiran colocarase un distintivo que permita diferencialo como “centro hostaleiro que impulsa a reciclaxe de vidro”, e que denote que nese centro se recicla correctamente o vidro.