Deputación de Ourense e Consello Económico e Social elaborarán un informe socioeconómico da Vía da Prata e do seu potencial

Compartir

  • A proposta de Manuel Baltar, aceptada por Corina Porro, ten a súa razón de ser na próxima celebración do Xacobeo e na iniciativa para que a provincia de Ourense sexa candidata a acoller en 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

  • "Ourense forma parte dun dos fitos históricos máis importantes de mundo, como é a realidade Xacobea e todo o que supón de valores, concordia, tradición e cultura; e a elo temos que contribuír desde os ámbitos da investigación social e da promoción turística", afirma Baltar.

Ourense, 13 de marzo de 2019.- A Vía da Prata-Camiño Mozárabe contará cun informe socioeconómico que analizará as súas potencialidades para avaliar científica, social e turísticamente unha das principais rutas xacobeas do mundo. Así o acordaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro, na reunión celebrada no Pazo Provincial para analizar as liñas de colaboración neste e noutros ámbitos da actualidade económica e social da comunidade autónoma.

A proposta de Manuel Baltar, aceptada por Corina Porro, ten a súa razón de ser na próxima celebración do Xacobeo e na iniciativa para que a provincia de Ourense sexa candidata a acoller en 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. "Ourense forma parte dun dos fitos históricos máis importantes de mundo, como é a realidade Xacobea e todo o que supón de valores, concordia, tradición e cultura; e a elo temos que contribuír desde os ámbitos da investigación social e da promoción turística", afirma Baltar.

O presidente do goberno provincial considera que "a elaboración dun informe que permita achegar conclusións científicas e académicas, ademais de estudos económicos e sociolóxicos, será unha ferramenta moi útil para establecer novas pautas de turismo sostible, para a adopción de medidas de protección medioambientais, e para a potenciación de toda a economía que se move ao redor do Camiño de Santiago, así como para a promoción dos concellos polos que pasa a Vía da Prata e, por extensión, de toda a provincia de Ourense", expresa Baltar.

Neste sentido, a Deputación de Ourense propón elaborar conxuntamente un informe sobre o impacto económico e social da Vía da Prata e as directrices para seguir a potencialo, tendo en conta ademais a iniciativa que o presidente Baltar propuxo días pasados -no marco da XXXII Asemblea da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, celebrada en Ourense-, para que a provincia de Ourense se postule "como territorio candidato para acoller no ano 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, o evento máis importante do mundo Xacobeo", afirma Manuel Baltar.

"Dispoñer dun elemento como un informe que avalíe as debilidades e fortalezas do Camiño e que faga un estudio detallado desta realidade nosa histórica e cultural, vai contribuír, sen dúbidas, a potenciar a Vía da Prata e todo o que elo supón de exaltación dos seus valores emocionais, do patrimonio histórico-artístico e de conservación do noso medio natural", destaca o presidente Baltar, subliñando que a provincia de Ourense "estase preparando con acerto para dous acontecementos que unen vangarda e historia, como son a chegada da alta velocidade e o Xacobeo 2021; e a Vía da Prata ten que xogar un papel protagonista nese futuro que se abre cara ás novas formas de facer e ofrecer turismo, un sector no que Ourense, co seu proxecto "Provincia Intelixente", está á vangarda".

Pola súa banda, a presidenta do Consello Económico e Social amosouse plenamente disposta a cooperar para a realización, conxuntamente coa Deputación de Ourense, de dito informe, que permitirá aportar estudos e pautas de actuación cara á evolución da Vía da Prata.