A Deputación de Ourense e a Facultade de Medicina presentarán o Vademecum do termalismo de Galicia
Manuel Baltar agradeceu ao decano de Medicina "o impulso que a Universidade de Santiago e a Cátedra de Hidroloxía Médica están a dar ao noso termalismo, un pulo no que a Deputación tamén participa co desenvolvemento do Plan "Ourense, a provincia termal".
Ourense, 21 de abril de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao decano da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, Juan Gestal, con quen ultimou a que será a presentación do Vademecum das augas mineiro-medicinais de Galicia, un acto que se desenvolverá da man da Deputación e que ten como obxectivo reunir nunha mesma publicación as indicacións, procedementos e estudos sobre as augas termais en Galicia, así como as localizacións dos recursos e establecementos balnearios galegos.
Segundo explicou Juan Gestal ao presidente do goberno provincial, o vademecum termal é un traballo promovido e desenvolvido pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, que abrangue capítulos nos que se estudan as augas mineiro-medicinais, a súa importancia terapéutica, clasificación, mecanismos de acción, así como as técnicas de administración das augas termais e a situación actual da investigación no ámbito do termalismo en Galicia.
Manuel Baltar agradeceu ao decano de Medicina "o impulso que tanto a Universidade de Santiago como en particular a Cátedra de Hidroloxía Médica están a darlle ao noso termalismo, un pulo no que a Deputación de Ourense tamén participa desde hai anos co desenvolvemento do Plan "Ourense, a provincia termal" conxuntamente coa Xunta de Galicia, porque cremos que o termalismo é un eixo fundamental de desenvolvemento para o turismo, a economía e a saúde no noso territorio".
A presentación do vademecum termal, que terá lugar en Ourense, permitirá coñecer os últimos avances na análise das augas mineiro-medicinais dos balnearios e empresas envasadoras de augas mineiras de Galicia, e tamén actualiza a información sobre a súa historia, a data de declaración de utilidade pública das augas, as autorizacións dos balnearios como centros sanitarios, as indicacións terapéuticas e o perfil das persoas que realizan tratamentos coas augas termais de Galicia
Na reunión, Manuel Baltar convidou a Juan Gestal a formar parte do Consello Termal Ourensán -o órgano que vela polo cumprimento do Plan Termal-, cuestión que aceptou e agradeceu o decano. Baltar tamén valorou positivamente a colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago, por medio da Facultade de Medicina, para que o Complexo Hospitalario de Ourense teña a consideración de "Universitario".