A Deputación de Ourense e a Federación de Concellos con Centrais Hidroeléctricas estudan mellorar a xestión dos "ingresos enerxéticos"
A iniciativa ten como obxectivo desenvolver un proxecto que permita incrementar os ingresos dos concellos con centrais hidroelécticas aportando unha maior seguridade xurídica.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe cos directivos da Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, Francisco Sánchez e Javier Gonzalo, con quen analizou a posta en marcha dun proxecto piloto, que sería desenvolvido entre a devandita federación e a institución provincial, para optimizar e mellorar a xestión dos "ingresos enerxéticos" en aqueles concellos afectados por estas infraestruturas hidráulicas.
A iniciativa ten como finalidade ser un proxecto rexenerador de tesourería e pretende incrementar os ingresos destes concellos. Para elo vaise levar a cabo un estudo para revisar a potencia das centrais hidroeléctricas, regularizalas e actualizar o imposto de actividades económicas (IAE), e revisar asemade os denominados "BICES" que son os Bens Inmobles de Características Especiais, o que permitirá á provincia de Ourense actualizar as cotas tributarias neste ámbito.
O proxecto permitirá normalizar a problemática fiscal e tributaria en materia de enerxía hidráulica dos municipios esencialmente enerxéticos existentes na provincia de Ourense, o que favorecerá a regulación dos ingresos que perciben por esta actividade.
Baltar e os directivos da federación analizaron polo miúdo a problemática dunha provincia como Ourense, que conta cun importante número de infraestruturas hidroeléctricas, e coincidiron na necesidade de actualizar os rexistros para que os concellos perciban as cotas que lles correspondan.
Asemade, o presidente provincial explicou os proxectos que está a desenvolver a Deputación de Ourense en materia de augas e as políticas e programas que neste ámbito está levando a cabo a institución provincial, favorecendo o aforro e a eficiencia a través da fusión de servizos aos concellos.
Manuel Baltar é membro da comisión executiva desta federación. Na xuntanza destacou "a importancia de que as políticas medioambientais sexan especialmente activas e dinámicas nos pequenos concellos do rural, porque a riqueza e a competitividade destes municipios pasa por potenciar accións sostibles e por desenvolver iniciativas en clave ecolóxica e de protección do medio natural".
Baltar referiuse en concreto á xestión completa do ciclo da auga que fai a Deputación de Ourense, destacando o "Consorcio da Auga" que recentemente crearon os nove concellos de Valdeorras e a Deputación, así como os programas de saneamento e recollida de residuos sólidos dos que a Deputación de Ourense é un referente de ámbito nacional.
O presidente provincial afirmou que unha provincia como Ourense, caracterizada polo seu potencial hidroeléctrico "debe ser membro activo da Federación de embalses, para colaborar e formar parte da actividade institucional da federación, caracterizada polo asesoramento aos concellos e o desenvolvemento de programas que contribúan a dar solución aos problemas comúns as asociacións e concellos que integran este ente".
A Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e embalses agrupa a un milleiro de concellos de España –unha oitava parte do total-, e ten como obxectivo avanzar nas melloras medioambientais, económicas, de seguridade e de desenvolvemento social das comarcas onde están situadas presas e embalses.