A Deputación de Ourense e o Centro PEN Galicia lembran a Blanco Amor no 33 cabodano do seu pasamento
O acto terá lugar o vindeiro sábado, ás cinco da tarde, no cemiterio de san Francisco.
A Deputación de Ourense e o Centro PEN de Galicia organizan o vindeiro sábado, 1 de decembro, ás 17 horas, no cemtierio de san Francisco (Ourense) un acto de lembranza e homenaxe ao escritor Eduardo Blanco Amor, unha das grandes figuras da literatura galega, co gallo do 33 cabodano do seu pasamento.
Como ven sendo habitual desde o ano 2004, o acto terá lugar diante da campa onde está soterrado o autor de "A esmorga", e contará, como mantedora do acto, coa profesora da Universidade de Santiago, Marta Pérez Pereiro, quen falará sobre "Blanco-Amor, un xornalista por libre". Ademais do presidente do PEN de Galicia, Luís González Tosar, está prevista a intervención de alumnos do IES Eduardo Blanco-Amor e doutros centros de Ensino Medio de Ourense, así como do director da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes.
Esta actividade literaria rematará cunha ofrenda floral na que participan a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, representados polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; a concelleira de Cultura, Ana Garrido, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.