A Deputación de Ourense e o seu presidente, Manuel Baltar, líderes en comunicación en Twitter
- A institución provincial ocupa o primeiro posto, por diante de Valladolid, Xaén e Barcelona –nunha lista na que figuran 45 gobernos provinciais-, na suma total de "Publicacións", "Porcentaxe de tweets propios", "Compromiso e relación cos usuarios desta rede social (engagement), destacando nas cifras de impacto por habitante.
- Manuel Baltar lidera, asemade, a comunicación en Twitter por diante dos seus homólogos das deputacións de Málaga, Alacante, Castellón, Guipúzcoa, nunha lista de 32 presidentes provinciais.
Ourense, 28 de xaneiro de 2018.- A Deputación de Ourense e o seu presidente, Manuel Baltar, comezan o ano 2018 liderando novamente en España a comunicación na rede social Twitter. A institución provincial ocupa o primeiro posto, por diante de Valladolid, Xaén e Barcelona –nunha lista na que figuran 45 gobernos provinciais-, na suma total dos apartados de "Publicacións", "Porcentaxe de tweets propios", "Compromiso e relación cos usuarios desta rede social (engagement), e destacando notablemente nas cifras de impacto por habitante.
Pola súa banda, Manuel Baltar lidera a comunicación en Twitter por diante dos seus homólogos das deputacións de Málaga, Alacante, Castellón, Guipúzcoa, nunha de 32 presidentes provinciais. Baltar ocupa o primeiro posto na suma dos apartados que analizan o número de tweets, o engagement, o impacto total e o impacto medio por tweet, destacando desta maneira a notable incidencia que as mensaxes lanzadas polo presidente da Deputación de Ourense teñen nesta rede social.
Este liderado, tanto institucional como do seu presidente vén sendo unha constante nos últimos meses, así como e o impacto que está a ter a Deputación de Ourense nas redes sociais, producido en gran medida polas iniciativas que promove de innovación, transparencia, interactividade cos cidadáns e goberno aberto. Un labor que foi recoñecido con galardóns no ámbito da innovación tecnolóxica como aconteceu co proxecto "Provincia Intelixente", premiado polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, que recoñeceu a innovación da Deputación de Ourense na súa visión global de provincia.
Líder en transparencia
Asemade, a Deputación de Ourense é a primeira de España en Transparencia. Así o reflicten os datos do último informe da Asociación Transparencia Pública Dyntra, que destacan que a institución que preside Manuel Baltar ocupa o primeiro posto no ranking que inclúe a todos os gobernos provinciais e insulares, cun índice de Transparencia do 91,06 %, 5 puntos por riba do segundo goberno provincial, a Deputación de Granada, e superando en case 10 puntos ao terceiro, a Deputación Foral de Gipuzkoa.
Manuel Baltar afirma que este liderado é consecuencia das políticas de "máxima interacción cidadá e cos gobernos locais da provincia" por parte da Deputación de Ourense, e de manter "un constante compromiso por compartir toda a información que a lei permite, a través das canles máis eficaces, con iniciativas innovadoras de goberno aberto", reafirmándose na necesidade "de seguir aspirando ao máximo da transparencia, para render contas permanentemente diante dos veciños da provincia de Ourense".
Desde hai meses a Deputación de Ourense vén ocupando os primeiros postos neste ranking que agora lidera, destacando tamén como a primeira de Galicia nos índices de: Transparencia Institucional e Económica, Acceso á información, Participación e colaboración, Contratacións de servizos e Servizos e Apoio a municipios. As claves deste liderado en Transparencia están, segundo Manuel Baltar na participación cidadá, as políticas de goberno aberto impulsadas desde a institución provincial, a innovación e eficiencia na cooperación con cidadáns e cos concellos.
Proxectos como o de "Provincia Intelixente" e as acción levadas a cabo para potenciar a "marca Ourense" en ámbitos como deporte, turismo, termalismo ou medio ambiente, teñen situado á Deputación de Ourense como referente nacional e internacional en foros nos que o modelo ourensán ten sido comparado con iniciativas de xestión pública de vangarda. Ademais, o Plan "Ourense 15-19" contén a posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadán e a reforma do regulamento para incluír as preguntas ao presidente dos veciños da provincia". A isto únese que a web da Deputación de Ourense foi a primeira dun goberno provincial en España en retransmitir as sesións plenarias, e permite –tamén con carácter pioneiro- visualizar en directo ás comisións do ente provincial, ás aperturas de plicas das mesas de contratación ou os sorteos dos membros de tribunais nas probas de acceso ao emprego público.