A Deputación de Ourense e Turismo asinan un convenio para a sinalización turística dos límites fronteirizos

Compartir

Manuel Baltar e Carmen Pardo afirman que esta actuación permitirá potenciar e difundir os recursos turísticos da provincia de Ourense. A dotación do convenio ascende a 140.000 euros aportados pola Xunta, dos que o 70% procede de Fondos FEDER.
Potenciar e difundir os recursos turísticos da provincia de Ourense por medio dunha adecuada e moderna sinalización dos límites turísticos fronteirizos é o obxectivo do convenio que hoxe asinaron en Ourense o presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.
O acordo supón un investimento de 140.000 euros, aportados pola administración autonómica galega, dos que o 70% proceden de Fondos FEDER e denomínase convenio para a Sinalización Provincial Turística Xeral e Especial dos Límites Fronteirizos.


Diante dos medios informativos, Manuel Baltar agradeceu á Secretaría Xeral para o Turismo este novo compromiso con Ourense por parte da administración autonómica, "porque a liña da colaboración entre administracións é o camiño máis axeitado para poder desenvolver proxectos que xeren riqueza e competitividade para os cidadáns". Baltar destacou que o turismo é un dos sectores fundamentais para o desenvolvemento da nosa provincia, e logo de facer unha "firme defensa" da estación de Montaña de Manzaneda destacou a importante cita co sector turístico que haberá no Carballiño o vindeiro mes de novembro, "onde a capital do Arenteiro converterase no punto central cara ao que mirarán todos os axentes, empresas e administracións coa celebración do XVII Congreso Internacional de Turismo da AECIT, a Asociación Española de Expertos Científicos de Turismo, que reunirá no Carballiño a máis de 400 expertos.
Pola súa banda, Carmen Pardo dixo que a administración turística galega ten entre os seus cometidos básicos "levar a cabo accións de potenciación de recursos turísticos, polo que, entre as súas prioridades está a de contribuír á realización de actuacións que impliquen a consecución deste fin".
Entre os obxectivos do proxecto de sinalización asinado hoxe en Ourense figura a divulgación dos recursos turísticos propios da provincia de Ourense e do resto de Galicia, facilitando a visita dos mesmos, e promocionar os recursos turísticos propios, tales como os monumentos urbanos e rurais, os pazos, mosteiros, igrexas, santuarios, rutas e espazos naturais e museos.
A sinalización terá, xa que logo, como finalidade facilitar sobre o propio territorio a identificación, tanto do emprazamento como dos itinerarios de acceso aos recursos turísticos provinciais de todo tipo.
Segundo comentou Carmen Pardo, esta actuación de sinalización turística na fronteira de Galicia coa provincia de Ourense obedece ao feito de que Portugal é o primeiro mercado turístico internacional de Galicia (25%) seguido de Alemaña (13,2%), Francia (11,1%) e Italia (9,3%). Ademais, Portugal é o primeiro mercado emisor de excursionistas a España. Ao longo de 2011 realizáronse a Galicia, segundo os datos de Frontur do Instituto de Estudios Turísticos un total de 5.313.162 excursións de portugueses, isto é un 93,4% del total de excursións do mercado internacional na nosa comunidade.
Decreto de Sinalización Turística de Galicia
O pasado 16 de febreiro o Consello da Xunta aprobou o novo Decreto polo que se regula a Sinalización Turística de Galicia. Co decreto aprobouse tamén o Manual de Sinalización Turística de Galicia, que substituíu ao catálogo de sinais que acompañaba ao Decreto 138/2008.
O Manual de Sinalización Turística reforza a sinalización ao retomar pictogramas de uso internacional, mellora a visibilidade das sinais ao cambiar o fondo cromático de difícil visibilidade nocturna actualmente e incorpora novos pictogramas de recursos existentes como a ruta do viño. Esta modificación contribuirá á mellorar a accesibilidade aos recursos turísticos e unha mellor comprensión dos mesmos. Ademais, entre as razóns técnicas figura a adaptación á Unión Europea e aos códigos internacionais para que os turistas estranxeiros entendan a sinalización turística en Galicia.

Más información gráfica: