Deputación de Ourense e Viewnext analizan o traslado da filial de IBM ao centro tecnolóxico "Innova Ourense Provincia Intelixente"
- Esta iniciativa prevé a incorporación dos 200 traballadores da compañía ao edificio situado en Finca Sevilla, o que suporá o punto de partida para este centro de innovación, "cuxo obxectivo será converterse en referencia para o desenvolvemento de proxectos de base tecnolóxica e captar talento e investimentos para Ourense", afirma Manuel Baltar.
- O presidente do goberno provincial reuniuse coa directora tecnolóxica de IBM, Elisa Martín Garijo, e con Ángel Martínez, director de Viewnext Ourense, con que falou tamén do proxecto de turismo intelixente "Hay un Ourense para ti, descúbrelo", dotado con tres millóns de euros e que ten como finalidade potenciar o turismo da provincia de Ourense apoiado nas posibilidades tecnolóxicas.
Ourense, 23 de xaneiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial coa directora tecnolóxica de IBM España, Portugal, Grecia e Israel, Elisa Martín Garijo, e con Ángel Martínez Sotelo, director de Viewnext Ourense para analizar o traslado desta filial de IBM ao centro tecnolóxico "Innova Ourense Provincia Intelixente". Esta iniciativa prevé a incorporación dos 200 traballadores da compañía ao edificio situado en Finca Sevilla, no barrio ourensán de Mariñamansa, "o que suporá o punto de partida para este centro de innovación, cuxo obxectivo é converterse en referencia para o desenvolvemento de proxectos de base tecnolóxica e captar talento e investimentos para Ourense achegando novos servizos para a sociedade da información", afirma Manuel Baltar.
Na reunión tamén participaron Francisco Romero Gamarra, director de Transformación Dixital para as Cidades en IBM; Alberto Diz Castro, director Rexional de IBM Noroeste; Fernando Suárez, director de Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, e José Sampayo, xefe do gabinete da Presidencia.
Na reunión tamén se falou do proxecto de turismo intelixente "Hay un Ourense para ti, descúbrelo", dotado con tres millóns de euros e que ten como finalidade potenciar o turismo da provincia de Ourense apoiado nas posibilidades tecnolóxicas, iniciativa que é un dos piares do proxecto "Provincia Intelixente", incluído no plan de mandato "Ourense 15-19" de Manuel Baltar. Este proxecto inclúe iniciativas tecnolóxicas como o Big Data, a Intelixencia artificial ou a Realidade Virtual e Aumentada.
Nestas áreas IBM atesoura unha grande experiencia e capacidades, liderando as novas posibilidades da computación cognitiva grazas ao seu software "Watson". Elisa Martín afirma que con este tipo de tecnoloxía, IBM está a abrir unha nova era na historia da computación, "xa que permite que as computadoras comprendan o mundo da forma en que o fan os seres humanos: a través dos sentidos, a aprendizaxe e a experiencia".
Manuel Baltar agradeceu "o compromiso de ámbalas dúas empresas tecnolóxicas con Ourense, provincia que pretende constituírse en pioneira en aplicar estas innovacións ao sector do turismo".
No encontro, IBM expuxo a potencia que supón a aplicación desta tecnoloxía e as posibilidades non solo de cara á xestión de recursos turísticos, senón tamén para mellorar a eficacia e eficiencia dos servizos públicos prestados, con especial atención aos concellos da provincia.
Ademais, tratáronse outras iniciativas do ámbito tecnolóxico e da innovación en servicios públicos, unha alianza de cooperación entre a Deputación de Ourense e IBM, na que ámbalas dúas entidades analizarán retos de desenvolvemento no marco da Compra Pública de Innovación, outro dos eixes polos que aposta de forma decidida o presidente Baltar, e abordáronse posibilidades de solucións nos proxectos de administración electrónica implantados pola deputación e accesibles ás entidades locais provinciais.