Deputación de Ourense e Xunta seguen a impulsar o Consorcio de Augas de Valdeorras
- O deputado provincial Pablo Pérez, como presidente do consorcio, e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asinaron hoxe un convenio de colaboración segundo o cal Medio Ambiente destinará 150.000 euros para colaborar na xestión do consorcio.
Ourense, 27 de decembro de 2016.- Deputación de Ourense e Xunta de Galicia seguen a impulsar o Consorcio de Augas de Valdeorras. Así se puxo de manifesto hoxe no acordo que asinaron o deputado provincial Pablo Pérez, como presidente do consorcio, e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, un convenio de colaboración segundo o cal Medio Ambiente destinará 150.000 euros para colaborar na xestión do consorcio O acordo, que será efectivo desde hoxe, ten carácter retroactivo e estenderá a súa vixencia ata o 30 de xuño de 2017.
O Consorcio de augas de Valdeorras iniciou a súa actividade en xaneiro de 2013, logo de ser constituído pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os concellos da comarca. Trátase dunha experiencia piloto da Administración autonómica para avaliar os custos reais da prestación dun servizo supramunicipal de depuración, que inclúa a explotación de pequenas depuradoras e fosas sépticas.
Actualmente, este servizo dá cobertura a uns 28.000 habitantes dos 9 concellos da comarca (O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras). En total, baixo o modelo explótanse as estacións depuradoras de augas residuais da Rúa e O Barco, outras 9 pequenas depuradoras que dan servizo a núcleos de poboación de menor entidade, e ata 160 foxas sépticas.