A Deputación de Ourense edita o Anuario da Facultade de Dereito

Compartir

A publicación presenta estudos científicos e relatorios sobre dereito mercantil e financeiro, penal e medioambiental, ademais de xurisprudencia e artigos doctrinais

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o decano da Facultade de Dereito de Ourense, Miguel Ángel Michinel, presentaron hoxe a edición do "Anuario da Facultade de Dereito de Ourense", publicada pola institución provincial, e que ven a ser unha das obras de referencia no eido da investigación e do estudo do ámbito xurídico.

Este ano o Anuario cumpre a súa décima edición –o primeiro foi publicado no ano 2002 baixo o impulso da entón reitora María José Roca-, "grazas ao apoio que a Deputación de Ourense amosou sempre con esta facultade, e por suposto, co Campus de Ourense, o cal entre todos debemos seguir potenciando", dixo o decano de Dereito Miguel Ángel Michinel.

Este volume contén destacados traballos científicos e de estudo, tanto de profesores locais, autonómicos, nacionais e estranxeiros, en todas as áreas do Dereito: dende artigos doctrinais, a comentarios de xurisprudencia, pasando polo Dereito Penal e Internacional, a protección do medio ambiente e os ámbitos mercantil e financeiro, entre outros.

Rosendo Fernández explicou que a promoción do traballo de investigación é tamén esencial no campo xurídico, "xa que marca a diferenza entre unha calidade de ensino universitario e un que non o é. Neste esforzo, coa participación das administracións públicas, como é o caso da Deputación de Ourense, mantense un forte compromiso coa formación universitaria de calidade, o que, sen dúbidas, é un dos mellores termómetros para medir o índice de avance e progreso dunha sociedade", dixo o vicepresidente provincial.

Rosendo Fernández destacou que apostar polo Campus de Ourense e o seu traballo docente e investigador, "é o mellor investimento que podemos facer como institución, porque a preparación dos nosos universitarios é algo esencial para que se acheguen cada día mellor formados ao mercado laboral", e expresou o seu desexo e apoio da Deputación de Ourense "para que o noso campus universitario siga medrando en calidade e en titulacións".