A Deputación de Ourense entrega ao Campamento "Amencer" 600 libros para fomentar a lectura entre os máis novos

Compartir

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, fixo entrega hoxe aos responsables do Campamento Urbano "Amencer" dun lote de 600 libros que a institución provincial pon á súa disposición para fomentar a lectura entre os rapaces que participan este ano nesta actividade de lecer na capital ourensá. Xunto a Rosendo Fernández estiveron presentes o coordinador de "Amencer", Manuel Seguín, e o director do Centro Xuvenil "Amencer", Xulio Iglesias.

"Trátase de colaborar con "Amencer" para potenciar e promover o hábito da lectura entre os máis cativos", explicou o vicepresidente provincial, quen felicitou aos organizadores do campamento por esta iniciativa que se enmarca dentro do "Día da Cultura", un evento que se celebra nunha das xornadas desta xuntanza estival, que se desenvolverá entre os días 4 ao 14 de agosto, e na que se agarda superar a participación de 900 rapaces, que foi a cifra acadada no ano 2013, segundo explicou Manuel Seguín.

Os libros que entrega a Deputación de Ourense son os referidos a El libro de las horas, de Vicente Risco; Folliñas que Levou o Tempo, de Eduardo Prieto Casares; Autores ourensáns no Día das Letras Galegas; Firgoas, de Manuel Luis Acuña; Antoloxía de Celso Emilio Ferreiro, e La gran aventura del libro.

Ao remate do acto, o director do Campamento Urbano fixo entrega a Rosendo Fernández dun diploma acreditativo e de agradecemento pola colaboración que mantén a institución provincial con esta iniciativa dirixida aos nenos e nenas de Ourense.