A Deputación de Ourense entrega os premios "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2018

Compartir

  • O acto, celebrado esta mañá no Pazo de Trasalba no marco da "Ourense ICC Week" recoñece o traballo de proxectos destacados pola súa creatividade, participación cidadá e repercusión social.

  • Manuel Baltar salientou no acto "o carácter universal da cultura" e dixo que todos "facemos cada día a cultura dun país, a de Galicia e a de Ourense, cuxo valor radica na participación e no compromiso por engrandecela, como elemento fundamental que é da nosa vida".

  • Os premiados nesta primeira edición foron: no apartado de Profesionais da xestión cultural, o proxecto "Fálame de san Sadurniño"; no apartado de Persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, o "Festival Arteficial"; e no apartado de Proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, o proxecto "Unitaria".

Ourense, 5 de maio de 2018.- A Deputación de Ourense entregou hoxe os premios "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2018, nun acto celebrado no Pazo de Trasalba, no marco da "Ourense ICC Week". O galardón recoñece o traballo de proxectos galegos destacados pola súa creatividade, participación cidadá e repercusión social. No apartado de "Profesionais da xestión cultural" o premio, dotado con 1.000 euros, foi para proxecto "Fálame de san Sadurniño"; no apartado de "Persoas voluntarias ou colectivos afeccionados" o premio, dotado con 2.000 euros, foi para o "Festival Arteficial"; e no apartado de "Proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural" o premio, dotado con 3.000 euros, foi para o proxecto "Unitaria", da Asociación "Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale". Todos os proxectos galardoados recibiron un diploma acreditativo e unha obra do escultor Buciños.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou na clausura do acto "o carácter universal da cultura" e dixo que todos "facemos cada día a cultura dun país, a de Galicia e a de Ourense, cuxo valor radica na participación e no compromiso por engrandecela, como elemento fundamental que é da nosa vida". Baltar destacou a importancia "de crer na cultura participativa" e subliñou o lema: "Non queremos que veñan, senón que volvan", referíndose a importancia de favorecer vínculos emocionais ao redor do ámbito cultural e das singularidades que neste sentido ten a provincia de Ourense. Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; a xefa territorial de Cultura en Ourense, María Luz Fernández; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e representantes institucionais, culturais e sociais de Ourense e Galicia.

Previamente á entrega do premio, a xestora cultural en "Matadero Madrid" e no museo "Reina Sofía", Carlota Álvarez Bassó, analizou as claves do éxito da xestión de espazos culturais, sinalando como relevantes tres obxectivos: "abrir a cultura a toda a cidadanía, aumentar a calidade das exposicións, e posicionarse internacionalmente".

De seguido, tivo lugar un recoñecemento aos proxectos culturais ourensáns destacados polas súas boas prácticas, dos que o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), Alberto García, salientou que poñen en valor "a excelencia da cultura co seu boa facer".

Os premios "Rodolfo Prada", instaurados pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste insigne ourensán, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, teñen como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega.

Na modalidade dirixida a profesionais da xestión cultural, o premio consiste no financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa "Europa Creativa" ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado. Na modalidade dirixida a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promova a asociación galardoada; e na modalidade dirixida a proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas responsables do proxecto gañador.

Dentro da programación de "Ourense ICC Week" para hoxe tivo lugar nos Xardíns do Padre Feijóo a "ICC Kids", con actividades para os máis pequenos; e música no apartado "ICC Show Vermú", na que actuaron Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ. Ademais, esta tarde, ás 20.00 horas, terá lugar no Teatro Principal o espectáculo de humor de Pantomima Full. Mañá domingo remata a "Ourense ICC Week" coa entrega dos premios da "ICC Gamers", no pavillón do Campus de Ourense, ás 16.00 horas.