A Deputación de Ourense establecerá unha ordenanza para regular os prezos de actividades culturais, deportivas e educativas

Compartir

  • A proposta da Presidencia permitirá dispoñer dun marco normativo para fixar prezos para a asistencia a espectáculos culturais e deportivos, así como o acceso a salas de exposicións, museos e centros de interpretación de titularidade provincial.

A Deputación de Ourense establecerá unha ordenanza para regular os prezos das actividades culturais, deportivas e educativas. A proposta da Presidencia, que será tratada esta tarde nas comisións informativas, permitirá dispoñer dun marco normativo para poder fixar prezos públicos para a asistencia a espectáculos culturais e deportivos, así como o acceso a salas de exposicións, museos e centros de interpretación de titularidade provincial.

As disposicións establecidas na ordenanza aplicaránselles aos ditos servizos cando estes carezan dunha regulación específica noutra ordenanza provincial, e serán de aplicación aos servizos incluídos no seu ámbito tanto se son xestionados de modo directo como de modo indirecto.

O abeiro da ordenanza, cuxa aprobación determinarase no pleno do presente mes de abril, poderán establecerse prezos públicos que graven a asistencia a espectáculos públicos de carácter cultural ou deportivo promovidos pola Deputación de Ourense; o acceso a salas de exposicións, museos, centros de interpretación ou establecementos similares de titularidade provincial ou xestionados, directa ou indirectamente, pola Deputación, así como a participación en actividades educativas e formativas de carácter non regrado. Exclúese, en todo caso, a participación en accións de formación continua ou ocupacional, que se rexerá pola súa normativa específica.

Tamén se inclúe na ordenanza a participación en actividades de carácter lúdico, deportivo ou de ocupación do tempo libre promovidas pola Deputación de Ourense, tales como campamentos infantís e xuvenís e outras análogas, e calquera outra actividade de carácter cultural, deportivo ou de ocupación do tempo libre de contido análogo ás anteriores.

A competencia para o establecemento e fixación dos prezos públicos correspóndelle ao Pleno da Deputación, se ben, o Pleno poderá delegar o exercicio desta competencia na Xunta de Goberno, que de ser o caso fixará os prezos públicos concretos tralo ditame previo da comisión informativa competente en materia de cultura.