A Deputación de Ourense externalizará a xestión de residuos para modernizar o servizo e acadar máis eficiencia
- A medida entrará en vigor en xaneiro de 2014, e suporá a creación dunha sociedade de capital mixto público e privado, participada pola institución provincial.
- Manuel Baltar presentou esta acción, enmarcada no Plan OURENSE 92, xunto coa creación do Consorcio Provincial de Incendios, que prevé comezar a funcionar igualmente en xaneiro de 2014.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe novas accións enmarcadas no Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92, entre as que figuran a externalización da xestión de residuos e a creación do Consorcio Provincial de Incendios.
No que atinxe á primeira delas, o presidente provincial destacou que o obxectivo da externalización da xestión de residuos "é modernizar este servizo, facelo máis eficiente e acadar un maior aforro, para o cal se creará unha sociedade de capital mixto público e privado, participada pola propia deputación, que ampliará o ámbito de actuación da xestión de residuos a todos os concellos que se adscriban, prestando, ademais do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos (RSU), os servizos de transferencia de residuos e o servizo de reciclado de refugallos da construción e demolición".
Prevese que esta nova modalidade de xestión de residuos entre en funcionamento o 1 de xaneiro de 2014. Precisamente hoxe, 27 de xuño iníciase o expediente para a externalización do servizo; o 4 de xullo constituirase a Comisión Xeral de seguimento, e o 26 de xullo levarase a pleno a aprobación do pliego.
Manuel Baltar explicou que esta medida forma parte "da área estratéxica de medio Ambiente" da Deputación de Ourense, "na cal estamos a traballar na procura dunha provincia máis sostible en todos os ámbitos, e proba delo é a recente posta en marcha por parte deste goberno provincial do Observatorio da Sostibilidade e do Pacto dos Alcaldes a prol das melloras medioambientais para os nosos municipios".
Como paso previo á externalización, a Deputación de Ourense liquidará os 13 convenios que actualmente están en vigor nesta materia. Posteriormente, crearase unha sociedade mercantil de capital mixto, participada pola Deputación de Ourense e por un socio privado que será seleccionado mediante concurso público. A deputación terá representantes no propio órgano de administración da empresa xestora, coa finalidade de dispoñer dun control máis estrito da xestión do servizo por parte do goberno provincial e garantir a excelencia na prestación do mesmo.
Asemade, unha comisión de seguimento será preceptiva e determinante no proceso de externalización, e un comité de empresa será o encargado de negociar a transferencia de persoal actualmente adscrito ao servizo obxecto do contrato. Na actualidade traballan neste servizo 75 persoas, e a Deputación de Ourense dispón de 40 vehículos, 18.000 contedores e xestiona 14 puntos limpos e 9 plantas de transferencia.
Esta medida supón a externalización do servizo de recollida de RSU (que se presta en 48 concellos e da servizo a 112.000 habitantes), e tamén se realizará a recollida da denominada "bolsa amarela" ou envases lixeiros (que se realiza en 23 concellos), a recollida de papel-cartón (en 8 concellos) e de vidro (en 14 concellos), ademais da xestión de lavado de contedores e dos "puntos limpos", localizados en Verín e A Gudiña e que dan servizo ás mancomunidade de Verín e Conso-Frieiras e aos concellos de Viana do Bolo e da Mezquita.
Tamén se externalizará o servizo supramunicipal de transferencia de RSU, que xestiona 11 plantas de transferencia mediante un convenio de colaboración co Sogama. Este servizo préstase na actualidade a 68 concellos da provincia de Ourense. E finalmente, será igualmente externalizado o sevizo provincial de reciclado de refugallos da construción e demolición, que se xestiona na planta da Limia, que ten unha capacidade de tratamento de máis de 20 toneladas por ano.
Consorcio Provincial de Incendios
Manuel Baltar explicou tamén que outra das medidas posta en marcha este mes de xuño dentro do Plan OURENSE 92 é a creación do Consorcio Provincial de Incendios. Trala reunión mantida o pasado 10 de xuño con presidente da Xunta, na que se analizou este tema, mañá venres designarase ao presidente da deputación como representante en todos os consorcios comarcais, e o vindeiro 10 de xullo, Manuel Baltar reunirase co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para ultimar os detalles da posta en marcha do consorcio, que prevé entrar en funcionamento o 1 de xaneiro de 2014.
Precisamente, a Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes neste Consorcio Provincial de Incendios. "Esta unidade de acción permitirá incrementar a eficacia na xestión integral, redimensionar custes e mellorar a coordinación de actuacións, o que todos temos que impulsar e apoiar porque estamos a falar de algo tan serio como a seguridade das persoas e do medio ambiente", afirmou Manuel Baltar.
No presente exercicio de 2013, a Deputación de Ourense é parte fundamental no desenvolvemento destas unidades de bombeiros (en Xinzo, Verín, O Barco e no futuro o do Carballiño), pois cofinancia o seu funcionamento cun total de 848.000 euros, o que supón o 37,5 % do orzamento destes consorcios.