A Deputación de Ourense a Federación Galega de Baloncesto impulsan o primeiro Circuíto Basket 3X3 para levar este deporte a seis vilas da provincia

Compartir

A iniciativa, integrada no Programa de Fomento Deportivo 2026 da institución provincial, percorrerá Muíños, Ribadavia, O Carballiño, Xinzo de Limia, Allariz e o Barco de Valdeorras antes da gran final, que será no Pazo Paco Paz o 19 de setembro

Ourense, 09 de xuño de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na presentación do novo Circuíto Basket 3x3 Deputación de Ourense, unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto que levará esta modalidade deportiva olímpica a seis concellos da provincia durante os meses de agosto e setembro.

O proxecto forma parte do Programa de Fomento Deportivo 2026 da Deputación de Ourense e nace co obxectivo de fomentar a práctica deportiva, promover hábitos de vida saudables e achegar o baloncesto a toda a cidadanía a través dun formato dinámico, participativo e accesible.

Durante a presentación, Luis Menor destacou que esta primeira edición do circuíto responde á aposta da institución provincial por un deporte “próximo, integrador e capaz de chegar a todos os recunchos da provincia”, subliñando ademais que o deporte constitúe unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde, favorecer a convivencia e dinamizar a vida social dos municipios.

O presidente provincial salientou tamén que o baloncesto 3x3 é unha das disciplinas con maior crecemento internacional nos últimos anos, converténdose nun deporte olímpico que destaca pola súa capacidade para atraer participantes de todas as idades grazas a un formato máis áxil, urbano e accesible.

O circuíto percorrerá os concellos de Muíños (16 de agosto), Ribadavia (21 de agosto), O Carballiño (22 de agosto), Xinzo de Limia (29 de agosto), Allariz (30 de agosto) e O Barco de Valdeorras (05 de setembro), reforzando o compromiso da Deputación coa descentralización das actividades deportivas e coa creación de oportunidades de participación en todo o territorio provincial.

A competición está aberta tanto a xogadores federados como non federados e contará con categorías de preminibasket e minibasket, infantil e cadete, así como júnior e sénior, podendo participar equipos masculinos, femininos ou mixtos.

Ademais da competición deportiva, cada unha das sedes acollerá unha completa programación de animación e actividades complementarias, convertendo cada xornada nun espazo de encontro, convivencia e promoción dos valores positivos asociados ao deporte.

Os dous equipos finalistas de cada categoría en cada unha das sedes clasificaranse para disputar a gran final do Circuíto Provincial de Basket 3x3, que terá lugar o próximo 19 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.

Luis Menor agradeceu a colaboración da Federación Galega de Baloncesto e dos concellos participantes, expresando a súa confianza en que esta primeira edición “se converta nun éxito e sente as bases dunha cita chamada a consolidarse no calendario deportivo provincial nos vindeiros anos”.