A Deputación de Ourense implementará na Limia un sistema para a xestión de abonos e fertilizantes

Compartir

A acción, que será realizada polo Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, enmárcase no proxecto "Regenera Limia" para reducir a contaminación das augas do río Limia.

Manuel Baltar destacou no acto de presentación do proxecto "a importancia fulcral do medio ambiente" e "a cooperación entre entidades públicas e privadas".

A Deputación de Ourense implementará na Limia, a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, pertencente ao Inorde, un sistema de control integrado de xestión de fertilizantes e abonos en solos agrarios, que se levará a cabo en dez parcelas piloto e se poderá ampliar posteriormente ao resto de explotacións agrarias.

Esta actuación forma parte do proxecto "Regenera Limia", que foi presentado hoxe en Xinzo de Limia e que ten como obxectivo reducir a contaminación das augas do río Limia, proxecto que presenta a súa candidatura ao Programa Life.

O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, destacou na súa intervención "a importancia fulcral que teñen as accións cuxo obxectivo é o medio ambiente, porque é o protagonista do benestar da nosa sociedade", e engadiu que "é sumamente importante que neste proxecto exista unha máxima colaboración entre entidades públicas e privadas, cooperación e asociacionismo que chegan mesmo ao ámbito supranacional".

Ademais, desta importante achega para o xestión de fertilizantes e abonos, a Deputación de Ourense elaborará un mapa de solos e cede unha parcela de 6.000 metros cadrados para investigar sobre o tratamento de purines.

Baltar destacou a "perfecta sintonía" desta iniciativa cos programas que ven desenvolvendo a Deputación de Ourense, entre os que citou a adhesión á Carta das cidades cara a sostibilidade -coñecida como Carta de Aalborg-, ou a posta en marcha da Rede de Municipios e do Observatorio cara á Sostibilidade na provincia de Ourense. "Poñer en valor o medio ambiente fai que sexamos un "goberno ambiental", explicou Manuel Baltar, implicado e preocupado ao máximo polo noso ben natural".

As 23 accións que inclúe o proxecto "Regenera Limia" teñen como obxectivo mellorar o río Limia e a súa contorna, atallando cuestións como as cianobacterias que teñen afectado tanto a Alta como a Baixa Limia, con especial incidencia no encoro das Conchas.

"Regenera Limia" está promovido e coordinado pola Confederación Hidrogáfica Miño-Sil nunha comarca, A Limia, a máis importante de Galicia en canto ao sector agrogandeiro e de alto aproveitamento agrario. Trátase de mellorar a xestión medioambiental nos terreos agrarios e optimizar o uso de fertilizantes, ademais de investigar alternativas á xestión de purines e reducir a contaminación por nutrintes nas augas, todo elo acompañado dun apartado de formación e información ao cidadán. O orzamento global do proxecto "Regenera Limia" é de 2.248.434 euros.