A Deputación de Ourense impulsará a creación da "Fundación Eduardo Blanco Amor"

Compartir

A Deputación de Ourense impulsará a creación da "Fundación Eduardo Blanco Amor" para preservar o legado e a obra do autor da "Esmorga", e para seguir potenciando a súa figura e achegar á mocidade a un dun dos "máis grandes creadores literarios e xornalistas da nosa terra e defensor da nosa identidade galega". Así o anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar durante o acto de homenaxe a Blanco Amor, que se celebrou no cemiterio de San Francisco (Ourense), diante da tumba do escritor na data na que se conmemora o 33 cabodano do seu pasamento.

O acto –que, como ven sendo habitual, celébrase cada 1 de decembro desde o ano 2004-, estivo organizado polo PEN de Galicia e a Deputación de Ourense, e consistiu nunha actividade literaria que rematou cunha ofrenda floral. Participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente do PEN Galicia e poeta, Luís González Tosar; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Jesús Vázquez; a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Ana Garrido; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o director de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a profesora da Universidade de Santiago, Marta Pérez Pereiro, quen falou sobre "Blanco-Amor, un xornalista por libre". Ao acto tamén asistiu, entre outras personalidades do ámbito cultural e social, a sobriña de Blanco Amor, Marita Bóveda.

No seu discurso, Manuel Baltar afirmou que, ademais de impulsar a creación da Fundación Blanco Amor, a Deputación de Ourense reeditará o libro 'La peligrosa aventura de vivir en un pueblo', un traballo publicado no ano 1990 e coordinado por Maribel Outeiriño, que recollía algúns dos artigos publicados por Eduardo Blanco Amor no xornal La Región entre os anos 1967 e 1971. Na nova impresión, incluiranse escritos que quedaran fóra no primeiro volume.