A Deputación de Ourense incorpora á súa web un sistema de lectura de contidos para mellorar a accesibilidade da súa información

Compartir

Coa nova funcionalidade, consistente no botón “escoitar”, os contidos da web poderanse ler en voz alta dun xeito máis cómodo, autónomo e inclusivo

Ourense, 19 de xuño de 2026.

A Deputación de Ourense vén de incorporar á súa páxina web unha nova funcionalidade destinada a reforzar a accesibilidade dos seus contidos e facilitar o acceso á información institucional a todas as persoas. Trátase do botón “Escoitar”, unha ferramenta que permite a lectura en voz alta dos textos publicados no portal provincial.

Esta nova prestación supón un avance especialmente relevante para as persoas con discapacidade visual ou con dificultades de lectura, ao permitirlles acceder aos contidos da web de maneira máis cómoda, autónoma e inclusiva.

Coa incorporación desta ferramenta, a institución provincial continúa avanzando na súa aposta por unha administración máis accesible, próxima á cidadanía e comprometida coa igualdade de oportunidades no acceso á información pública.

A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa transformación dixital e coa eliminación de barreiras que poidan dificultar a relación da cidadanía coa administración, impulsando solucións tecnolóxicas que contribúan a construír unha institución máis transparente, moderna e inclusiva.

Esta nova funcionalidade xa está dispoñible para todos os usuarios da web provincial, permitindo escoitar os contidos publicados dun xeito sinxelo e intuitivo.