A Deputación de Ourense inicia o proceso de creación da Fundación Eduardo Blanco Amor
Ourense, 14 de setembro de 2014.- Na mañá de hoxe, día no que se celebra o 117 aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor, celebrouse, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, unha reunión de traballo para iniciar o proceso de creación da Fundación Eduardo Blanco Amor. A reunión contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o director de Galaxia, Víctor Freixanes, representantes da familia de Eduardo Blanco Amor e amigos de Blanco Amor relacionados co mundo da cultura.
Nesta primeira reunión, os participantes recibiron un borrador de estatutos da fundación para que, cada un deles, faga as achegas oportunas e, dese xeito, enriquecer o documento inicial co gallo de acadar un documento estatutario acorde cos desexos das institucións e particulares que participaron desta reunión.
No transcurso deste encontro de traballo, Manuel Baltar falou da necesidade de acadar o maior consenso en torno á figura de Blanco Amor, o ilustre escritor ourensán que inmortalizou Auria na súa obra. Para iso, a proposta de padroado fundacional que presentou Manuel Baltar, é a dun padroado presidido por quen exerza a presidencia da Deputación de Ourense, institución íntimamente ligada á figura de Blanco Amor, e no que a vicepresidencia recaerá no respresentante que designe a familia de Eduardo Blanco Amor. Do mesmo xeito, Manuel Baltar sinalou que no padroado deben estar presentes diferentes institucións como a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, o Parlamento de Galicia, o Concello de Ourense, a editorial Galaxia e o Centro Pen de Galicia, todas elas moi ligadas coa figura de Blanco Amor e comprometidas co mantemento do seu legado.
Os fins que inspiran o nacemento desta fundación son a conservación e difusión da obra e o legado do escritor Eduardo Blanco Amor, a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galega, as artes, en especial a fotográfica, e os estudos históricos e políticos, así como a dinamización e promoción sociocultural da provincia de Ourense e a potenciación e difusión da cultura e a realidade sociocultural de Ourense, en particular, e Galicia, en xeral, no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.
Os participantes na reunión comprometéronse a estudar a proposta de estatutos e facer as achegas que consideren oportunas antes do remte do mes de setembro. Con esta reunión de traballo, Mauel Baltar cumpre o compromiso adquirido pola Deputación de Ourense e manifestado o pasado 12 de xullo na Festa da palabra, de que no mes de setembro íase iniciar o camiño para constituir unha fundación que conservase e puxese en valor o legado e a figura de eduardo Blanco Amor.
Ó remate da reunión de traballo, os participantes na mesma dirixírones ós Xardíns do Bispo Cesareo onde se levou a cabo unha ofrenda floral, diante da escultura de Eduardo Blanco Amor, co gallo de conmemorar o 117 aniversario do seu nacemento.