A Deputación de Ourense investirá este ano en Celanova 85.470 euros en servizos sociais, obras e cultura
- Manuel Baltar e José Luis Ferro reuníronse hoxe na Casa do Concello celanovés para analizar os proxectos de cooperación entre ámbalas dúas entidades.
A Deputación de Ourense investirá este ano 2013 en Celanova 85.470 euros para proxectos de acción social, obras de infraestruturas e actividades culturais. En concreto, no que atinxe a servizos sociais a Deputación de Ourense destina 28.000 euros para funcionamento do Punto de Atención á Infancia (PAI), mentres que no apartado do Plan Provincial dedica unha partida de 30.970 euros para obras de mellora do saneamento da Gandarela e Barrio.
No ámbito cultural, a Deputación de Ourense destina este ano a Celanova 15.000 euros á Fundación Curros Enríquez e 11.500 euros para a Romaría Etnográfica Raigame, e tamén participará na programación cultural do Auditorio, en concreto no programa "Rede de músicas soltas", un evento que se desenvolverá entre los meses de abril e novembro.
Estes proxectos e outras iniciativas foron analizadas no decurso da reunión que mantiveron hoxe na Casa do Concello de Celanova o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, quen concordaron na importancia de seguir potenciando a colaboración institucional entre ámbalas dúas entidades.
Tralo encontro que mantiveron na Casa do Concello, Baltar e Ferro visitaron o Auditorio municipal e o poboado castrexo de Castromao. No auditorio, Manuel Baltar percorreu as instalacións, nas que a Deputación de Ourense investiu o ano pasado 136.245 euros para o equipamento deste espazo cultural, cantidade que foi destinada a iluminación, son, obras e equipamento en xeral.
Manuel Baltar explicou que, en termos xerais, a pesares da crise e da redución orzamentaria, "este ano a Deputación de Ourense incrementa máis dun 41% o investimento no que atinxe á cooperación cos concellos, algo básico porque nesta colaboración afiánzase a competitividade e o desenvolvemento dos nosos municipios, e o goberno provincial, dentro dos recursos dispoñibles, aposta por seguir priorizando investimentos nas áreas máis necesarias como son os servizos sociais e as infraestruturas, principalmente".