A Deputación de Ourense leva o proxecto EmprendOU á comarca da Limia
Ourense, 11 de decembro de 2019.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, explicou hoxe, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia, as liñas básicas do proxecto EmprendOU, que puxo en marcha a Deputación de Ourense para afrontar o reto demográfico. Estas visitas que está a realizar a deputada provincial polas diferentes comarcas da provincia pretenden "achegar máis información sobre este proxecto a través do que a institución provincial concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación", explicou Luz Doporto.
Na xornada participaron alcaldes, concelleiros e axentes de desenvolvemento local de diferentes concellos da comarca da Limia. Nela coñeceron en profundidade o proxecto EmprendOU co que a Deputación pretende apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.